CRTVG

Buscar

5 manifestantes mortos xa no Ecuador nas protestas contra os axustes económicos

Publicado o 11/10/2019 06:14
5 manifestantes mortos xa no Ecuador nas protestas contra os axustes económicos

Confirmouno o Defensor do Pobo, que en oito días de mobilizacións contabiliza máis de medio milleiro de feridos, sen distinguir entre civís e axentes, e 930 detencións.

O Executivo comunicou o arresto de dezasete persoas no aeroporto de Quito, a maioría venezolanas, que tiñan no seu poder información dos movementos do presidente e do vicepresidente do país. Fala dunha proba máis dos "intereses que están detrás do conflito" (lembren que sinala a Nicolás Maduro e a Rafael Correa). Un día despois de anunciar avances nunhas conversas que os impulsores das protestas negan, as autoridades volvían chamalos ó diálogo tras acusalos de secuestrar a varios axentes e periodistas e instalos a liberalos.

Os xornalistas explicaron que estaban cubrindo o funeral por un dos mortos; un deles si foi agredido tras abandonar o acto e responsabilizou á dirección da Confederación de Nacionalidades Indíxenas, convocante das protestas, que se desmarcou do sucedido. Retiveron os axentes, dez, varias horas, ata que cargaron a ombreiros o féretro "como representantes da violenta represión" que denuncian, logo deixáronos ir. Repiten que seguirán ata as últimas consecuencias e pídenlles ás Forzas Armadas que se poñan do lado do pobo.