CRTVG

Buscar

5.000 persoas de 70 a 79 anos reciben a segunda dose no IFEVI

Publicado o 02/05/2021 14:24

No Instituto Feiral de Vigo continúa a bo ritmo a vacinación das persoas que teñen entre 70 e 79 anos. Este domingo están citadas 5.000 para recibir a segunda dose.

"É a segunda dose, si. De momento, ben, e iso que son moi nerviosa, pero ben, de momento, ben". "Eu estaba desexando que me chegase o día, que era o que me interesaba a min".

A resposta dos convocados sorprendeu o persoal sanitario, que agardaban menos afluencia, pero todo apunta a que se van repetir as cifras do sábado, cando acudiron a vacinarse o 98 por cento dos convocados.

"A verdade é que moi ben o día. Está sendo moi fluída a vacinación, esperábase, probablemente, menos afluencia por ser domingo e o Día da Nai, pero, polo de agora, moi ben", di Natalia Rodriguez, a coordinadora.

Os sanitarios cren que este colectivo, de 70 a 79 anos, está moi concienciado porque sabe que, co coronavirus, a idade é un factor de risco engadido.

"Eles preguntan e quedan tranquilos e finalmente vacínanse e marchan tranquilos". "Estou flotando no aire de contenta que estou", indica Natalia Rodríguez.

Esta fase da vacinación masiva comezou xa o venres e o Sergas confía en que depois de tres días, ao final da xornada 15.000 persoas deste grupo de idade estean xa inmunizadas.