CRTVG

Buscar

5.000 persoas asisten en Barcelona a un concerto piloto sen distancia de seguridade

Publicado o 27/03/2021 21:11

Todos os asistentes ao concerto fixeron as probas de antíxenos, con resultado negativo, hoxe mesmo, nalgún dos puntos dispostos polos organizadores, que defendían sen paliativos a seguridade do evento.
 "Será máis seguro estar dentro do palau Sant Jordi que paseando pola rúa", aseguraba un dos promotores da iniciativa.
Tamén se apreciaba confianza entre o público. Algún xa estivera no concerto que se fixo en decembro en condicións parecidas para preto de 500 persoas. "Nós viñemos á última proba que se fixo aquí no Apolo e non pasou nada. Fixemos as probas anteriores e posteriores e todo saíu ben, así que teño confianza", explicaba un rapaz.
Os 5.000 asistentes non teñen que gardar distancias pero si levar a máscara FFP2 que lles dan á entrada.
A organización, integrada por representantes do sector da músida en vivo, co apoio de institucións públicas e sanitarias, espera que esta proba pioneira en Europa abra a porta a máis concertos. Algún asistente apuntaba, porén, que quizais habería que mellorar a fórmula para reducir os custos.
"Eu non sei se na práctica se vai poder aplicar a concertos máis de rutina porque require moita organización e persoal e entramos en se é rendible ou non", cuestionaba unha asistente.
Pero está claro que ganas de concertos hainas. As entradas para este esgotáronse en cuestión de horas.

Noticias web

27/03/2021