CRTVG

Buscar

49 acusados polo caso das falsificacións do mercado da Pedra tratan de chegar a un acordo

Publicado o 15/10/2019 14:46

O macroxuízo da Pedra celebrouse no Penal 1 da Audiencia de Vigo cun total de 49 acusados. No primeiro acto de conformidade celebrado este martes entre avogados, Fiscalía e acusación particular, unhas doce persoas quedaron absoltas por non ter unha implicación directa nestes feitos.

Acusacións e defensas tentaron negociar ao longo de toda a mañá un acordo nas condenas. Amais dos que quedaron en liberdade, tamén houbo conformidade nun delito de faltas en que dúas vendedoras aceptaron o pago de 120 euros de multa mais unha indemnización polas pezas incautadas.

O resto de investigados enfróntanse a delitos contra a propiedade industrial. A última hora desta mañá negociaban un acordo coa fiscalía e as marcas para a rebaixa das penas que van dende os catro meses de cadea e ata 2,5 anos de prisión e multas que superan os 3.000 euros.

Todo isto tras facer cinco anos desa redada policial na Pedra na denominada operación Cuarzo, en que a xuíza obrigou a clausurar a meirande parte dos establecementos.

Noticias web

15/10/2019