CRTVG

Buscar

Corenta positivos e máis dun cento de corentenas en varias vilas de Lugo tras unha voda

Publicado o 09/07/2021 14:15

Máis dun cento de persoas encóntranse en corentena debido a un gromo xurdido na voda dunha parella de Meira. Tamén hai afectados na Pastoriza e en Castro de Rei, onde se celebrou a cerimonia. O banquete tivo lugar nun restaurante de Lugo. Nun primeiro momento detectouse unha decena de positivos, que se multiplicaron por catro en cuestión de horas.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "Temos unha lista cuns 110 invitados. Desde o primeiro momento, a colaboración dos organizadores e das persoas afectadas foi total. Nese primeiro momento xa se puxo en corentena toda a xente que se puido, tanto residente en Lugo coma nos concellos próximos, e tamén noutras zonas de Galicia e incluso de fóra de Galicia".

Este gromo con 40 persoas contaxiadas que segue sumando positivos en varios concellos chega a unha vila, Meira, que foi especialmente castigada pola pandemia. Igual ca en Castro de Rei, a incidencia acumulada supera xa os 250 casos activos por cada 100.000 habitantes. O novo gromo súmase aos de Sarria e de Lugo nunha área sanitaria que xa contabiliza preto de 400 casos activos.

Noticias web

09/07/2021