CRTVG

Buscar

Corenta mil autónomos e pequenos empresarios pediron as axudas do plan de rescate da Xunta

Publicado o 28/03/2021 13:12

O vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda está satisfeito pola celeridade con que se están xestionando as axudas deste segundo plan de rescate dos sectores máis afectados pola crise sanitaria. Aos 85 millóns distribuídos no primeiro plan sumánse agora outros 75 millóns. Corenta mil autómos e pequenos empresarios solicitaron estas axudas. Rueda confía en que todos poidan cobralas durante o mes de abril. Pero móstrase máis escéptico coas axudas directas aprobadas polo Goberno central. Rueda critica os criterios de repartición e a lentitude á hora de transferir os cartos.

"Eu o que lle podo dicir é que se os cartos nos chegan mañá, por poñer un exemplo, e nos deixan aplicar os criterios da Xunta de Galicia, en dez, doce días poderían empezar a distribuírse, igual que distribuímos as nosas axudas", afirma Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

O Goberno galego asegura que haberá axudas mentres dure a crise sanitaria, pero confía en que poidamos evitar a cuarta vaga coas vacinas e sendo prudentes durante estas vacacións da Semana Santa. Por iso defende os cribados nos aeroportos galegos para controlar a chegada de viaxeiros de fóra.

"Non é normal que se lle diga á xente que non pode entrar na comunidade autónoma pero en cambio que en avión se poida entrar sen problema ningún. Creo que isto se vai normalizar, e a nosa intención é facelo nos tres aeroportos galegos", di o vicepresidente da Xunta.

Rueda insiste en que o obxectivo é o verán, máis ca a Semana Santa, porque, se non hai pasos atrás, di, será o momento de relanzar a economía e o turismo neste ano santo atípico.

Noticias web

28/03/2021