CRTVG

Buscar

4.300 veciños de Culleredo de entre 20 e 36 anos están citados esta fin de semana a un cribado

Publicado o 22/05/2021 13:18

Son probas PCR e estanas facendo en horario de mañá e tarde no centro de saúde que o concello de Culleredo ten no Portádego. Os citados ían chegando esta mañá pouco a pouco. Segundo nos din os organizadores, nos cribados entre xente nova adoita haber máis afluencia polas tardes.

Os que saían do peneirado animaban o resto dos convocados a participaren.
Culleredo está no nivel medio baixo de restricións pero os positivos están aumentando. Atendendo aos datos do Sergas, a día de hoxe hai 32 casos activos de covid-19, 23 deles detectados na última semana.

Cunha poboación de preto de 30.700 veciños, a incidencia acumulada a catorce días subiu a 104 casos por cen mil habitantes. O cribado pretende poñerlle freo ao virus. As probas rematarán mañá ás nove da noite.

Noticias web

22/05/2021