388 farmacias da provincia de Pontevedra dispensan os tests de saliva para adolescentes
Este luns volven os tests de saliva ás farmacias para detectar posibles asintomáticos mediante o método do pooling. Desta volta, os destinatarios que poderán solicitala son menores con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos.
É unha proba voluntaria e gratuíta que deberán solicitar os proxenitores ou titores se o menor ten menos de dezaseis anos. Na provincia de Pontevedra hai 52.000 menores nesta franxa de idade. Esta proba solicitarase nas farmacias adscritas a este programa de cribado, en total 388 en toda a provincia de Pontevedra. A duración da campaña dependerá da demanda.
Nos cribados anteriores feitos nas farmacias con estes tests de saliva, arredor de 41.000 persoas con idades entre os 41 e os 64 anos solicitaron esta proba, coa que se detectaron un total de 76 positivos asintomáticos.