CRTVG

Buscar

38 novos casos de anciáns positivos nas residencias galegas

Publicado o 30/08/2020 22:58

38 novos positivos nas residencias. 16 anciáns en Culleredo e 18 en Outeiro de Rei

Os resultados das probas que se lles practicaron a residentes e traballadores esta fin de semana deixan un aumento importante de casos entre os anciáns que viven nos xeriátricos: onte coñecíanse os positivos de 2 maiores en Culleredo e outro en Lalín, e hoxe na residencia Orpea detectábanse 16 novos contaxios entre os anciáns.

Hai quince días que se notificou o primeiro positivo dunha traballadora nesta residencia, que non tivera casos de coronavirus na primeira vaga. Neste momento hai outros catro traballadores positivos e a cifra de usuarios contaxiados chega xa aos 29. Neste gromo o centro sufriu dous falecementos: un ancián de 92 anos e outra anciá de 93.

A outra cifra importante desta fin de semana deuse neste xeriátrico de Outeiro de Rei. O venres coñecíase o positivo de dous traballadores. Hoxe sóubose que hai outros tres infectados e que 18 usuarios deron positivo.

E tamén no Incio seguen aumentando os casos desde o 20 de agosto que se detectou o primeiro. Hai 89 maiores contaxiados, cinco máis desde onte e 27 traballadores, cun caso novo. Neste xeriátrico faleceron seis residentes desde o inicio do gromo: a última foi a anciá de 93 anos que finou esta tarde.

En total, desde o inicio da pandemia en Galicia faleceron 281 anciáns residentes nos xeriátricos: 135 finaron nos propios centros e 146 despois de seren trasladados aos hospitais ou en residencias integradas.

Noticias web

30/08/2020