CRTVG

Buscar

361 brotes activos en toda España, pero os expertos desbotan falar dunha segunda vaga

Publicado o 27/07/2020 21:42

A pesar dos 361 brotes espallados por toda España, os expertos sanitarios desbotan falar dunha segunda onda polo momento, e en todo caso, nunca sería homoxénea en todo o país polas situacións diversas que atravesan as comunidades autónomas. A pesar da transmisión comunitaria en áreas de Aragón e Cataluña, Fernando Simón asegurou que non existe unha expansión descontrolada do virus.

O aumento de casos ten unha correlación directa coas nosas relacións sociais. Interactuar con diferentes grupos en xuntanzas familiares ou de amigos fai que baixemos a garda. Simón volveu insistir na importancia das medidas de autoprotección porque os brotes ligados ao ocio nocturno son os máis complicados de controlar.

Simón agradece as corentenas e restricións que están tomando algúns países como Bélxica ou o Reino Unido con respecto ao noso país. Desde o Centro de Coordinación de Emerxencias aseguran que as recomendacións de certos países europeos sobre evitar viaxar a España eliminan riscos para o noso escenario sanitario dos brotes da COVID-19.

Noticias web

27/07/2020