302 positivos na área da Coruña, máis da metade do total de Galicia
A área sanitaria da Coruña e Cee está realizando unha particular volta ao pasado recente, con cifras de contaxio que nos remiten ao mes de maio, en plena desescalada. O número de positivos activos ascende este domingo a 302. Son 56 máis cós rexistrados onte. Esa cifra supón, desde hoxe, máis do 50% dos contaxios en toda Galicia. Hai outro dato non menos preocupante: no que vai de semana, a área coruñesa está en camiño de triplicar os contaxios. Como referencia comparativa, o domingo pasado eran 118 os casos e hoxe sitúanse neses 302.
Este panorama está a xerar unha lóxica inquedanza pola volta atrás progresiva.
Outro aspecto particularmente preocupante é que hoxe hai xa tres ususarios contaxiados na residencia de maiores DomusVi en Matogrande. Onte era un o afectado e os test practicados neste centro nas últimas 24 horas detectaron dous máis. Eses tres casos son os únicos de persoas maiores en toda Galicia nos centros residenciais da terceira idade.
En medio deste panorama globalmente negativo, destaca unha nota positiva. A taxa de hospitalización segue resultando baixa. Hai 14 persoas ingresadas no CHUAC (2 máis ca onte). Unha está na UCI e 13 permanecen en planta. Iso quere dicir que a gran maioría dos infectados son asintomáticos ou leves.