30 empresas galegas participan en 8 proxectos que optan a fondos europeos
O Consello da Xunta creou unha Sociedade mercantil público-privada para impulsar o chamado polo de transformación de Galicia. Nel encádranse oito proxectos que optan a Fondos Europeos cun investimento total de 3.000 millóns de euros e a previsión de crear 30.000 novos empregos.
A Xunta, canda 30 empresas e centros tecnolóxicos galegos, presenta proxectos para a transición ecolóxica e a loita contra o despoboamento que van dende a produción de biogás e fertilizante a partir do xurro das explotacións gandeiras ou a produción de hidróxeno verde, á fabricación de fibra téxtil vexetal ou a unha flota de 150 camións movida polo combustible que produce o propio polo de transformación.
"Galicia está apostando polo desevolvemento un polo, un polo que nace do consenso e da colaboración entre a administración, o tecido empresarial, os axentes sociais e, tamén, os centros tecnolóxicos e de coñecemento", di Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta de Galicia.
A Xunta quere profesionalizar tanto o polo de transformación como os proxectos tractores e que a banca e as empresas pequenas e medianas participen. Entre os proxectos figura a produción de liño e cereais en 18.000 hectáreas de terra abandonadas e a redución da emisión de CO2 á atmosfera en case tres millóns de toneladas.