CRTVG

Buscar

223 condutores deron positivo nos controis que fixo Tráfico durante a ponte

Publicado o 23/03/2021 13:40

Durante a ponte festiva, a Garda Civil de Tráfico intensificou os controis, tanto de mobilidade como de alcol e drogas, con especial atención ás zonas turísticas e de lecer. Realizaron preto de 7.000 probas de alcolemia, en que 223 condutores deron positivo, 159 deles por superar os límites permitidos de alcol e 64 por substancias estupefacientes.

Neses controis detectaron unha tendencia que pode converterse nunha combinación fatal: os desprazamentos concéntranse nun treito dunha hora, entre o peche da hostalería ás 9 da noite e o toque de recollida ás 10. Nesa faixa coinciden nas estradas, os que conducen de xeito imprudente tras inxerir alcol e os que cumpren as normas. E isto pode derivar en consecuencias graves como o accidente mortal de Salceda de Caselas o venres á noite.

Antes destas restricións horarias as condutas imprudentes por conducir baixo os efectos do alcol adoitaban detectarse especialmente ao longo da madrugada. Agora danse a plena luz do día. A DXT volverá intensificar os controis nas zonas de lecer e turísticas durante a Semana Santa.

Noticias web

23/03/2021