Un gromo no Camiño de Santiago deixa 22 contaxios no concello do Pino
O movemento de peregrinos no Pedrouzo, no concello do Pino, volve ser fluído malia a pandemia. O gromo detectado nas últimas horas afectou dous albergues, un deles situado no Pedrouzo e o outro no lugar da Rúa. Eran un grupo de 28 peregrinos que camiñaban a Santiago e se repartiron entre estes dous albergues. Detectados os primeiros positivos, fixéronlle probas a todo o grupo. Finalmente confirmáronse 22 positivos por PCR. Esta madrugada abandonaron os respectivos albergues en coches particulares.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, explica que "viñan de Valencia, eran 28 dos cales 22 unha vez realizadas as probas están contaxiados e non pediron a activación do seguro do coronavirus, volveron xa os seus domicilios. É inevitable que se produza algún contaxio pero temos que seguir con todas as medidas e pedir moita prudencia para seguir tendo un camiño seguro".
Desde o Concello queren chamar á tranquilidade dos veciños e confirman que agora mesmo non hai casos positivos no transcurso do Camiño polo seu concello.
Manuel Taboada Vigo, alcalde do Pino, di que "o virus está aí e sobre todo moito sentido pero que a poboación do Pino estea tranquilo que nestes momentos a nivel de camiño no Pino non hai casos positivos e é un camiño seguro".
Os dous albergues afectados sometéronse hoxe a unha limpeza e desinfección exhaustiva para volver abrir na súa totalidade en canto poidan. Esta fin de semana obtiveron a compostela máis de 4.500 peregrinos.