CRTVG

Buscar

Uns 22.000 maiores en residencias galegas recibirán a dose extra da vacina

Publicado o 16/09/2021 20:03

• A patronal das residencias pide a terceira dose tamén nos centros de día

• Aprobada a terceira dose para anciáns de residencias e persoas con cancro

 


Non terán nin que esperar a poñela en outono canda a vacina da gripe. Os maiores das residencias comezarán a recibir de inmediato unha dose extra da covid−19. Esa posibilidade levaba semanas sendo motivo de conversa entre os usuarios dos xeriátricos e a confirmación non puido ter mellor acollida.

Dolores, usuaria da residencia Porta do Camiño di que ela vai de primeira poñer a inxección, que non ten dúbida en poñela. A responsable do centro Vanesa Castro explica que os maiores xa estaban botando contas de que se era recomendable poñer a terceira dose ao ano xa pronto se cumpría o prazo. E apunta a que todos están desexando poñela para ter máis seguridade de cara ao inverno: "Se vai ser eficaz, para que imos estar pasando medo, hai que poñela", conta un dos anciáns. "Se os científicos din que é boa, un reforzo, benvida sexa", razoa outra das usuarias deste xeriátrico santiagués.

En Galicia viven en residencias 22.000 maiores. A patronal do sector aplaude a decisión de poñerlles dose extra, pero pide estender a medida aos usuarios dos centros de día onde persoas igualmente vulnerables conviven durante moitas horas.

Noticias web

16/09/2021