CRTVG

Buscar

200.000 persoas foron evacuadas polos incendios de California

Publicado o 28/10/2019 22:16

Os focos de preocupación son varios, pero un dos máis preocupantes é este que afecta un exclusivo barrio dos Ánxeles. Unhas 10.000 persoas foran evacuadas das súas vivendas situadas preto do museo Getty. Famosos como o actor Arnold Schwarzenegger ou o xogador da NBA Lebron James tiveron que abandonar as súas casas pola proximidade do lume, que xa queimara máis de 200 hectáreas e destruíra unha decena de vivendas de luxo. O alcalde da cidade pediulles aos residentes que non tratasen de apagar o lume polos seus medios e que evacuasen a zona.

No norte de California, en Sonoma, o lume arrasou máis de 20.000 hectáreas e case 200.000 persoas foron evacuadas. As autoridades admitían a través das redes que era a evacuación máis grande que podían lembrar. A compañía eléctrica cortoulles a subministración a máis de dous millóns de usuarios por medo a que o cables caídos ou fallos no equipo eléctrico provocasen máis incendios. O gobernador de California xa anunciou axudas de 75 millóns de dólares para compensar as perdas pola falta de luz.

Noticias web

28/10/2019