20 anos do 11-S: un golpe que cambiou o mundo
Eran as oito e 46 da mañá do 11 de setembro de 2001, hora de Nova York. Un primeiro avión impactou contra unha das torres xemelgas. Minutos despois, unha segunda nave esnafrábase contra o outro edificio. Dous avións máis, un contra o Pentágono e outro que tiña como obxectivo o Capitolio, deixaban o mundo enteiro conmocionado.
Unha xornada histórica na que a Televisión de Galicia tamén informou en directo desde o momento do atentado ata ben entrada a madrugada. Este once de setembro fai 20 anos duns atentados que cambiaron o mundo. Morreron case tres mil persoas e ducias de milleiros resultaron feridas.
Moitos non puideron ser identificados. Iniciou ese día unha guerra contra o terrorismo xihadista en Afganistán, para dar con Bin Laden e derrocar os talibáns. Vinte anos despois, as tropas estadounidenses, acaban de abandonar o país. Os talibáns regresan ao poder.