CRTVG

Buscar

19 detidos no desaloxo dos independentistas que bloqueaban a fronteira francesa

Publicado o 12/11/2019 17:17

A autoestrada AP-7 foi reaberta á circulación desde Francia en sentido La Jonquera (Xirona) sobre as 16 horas deste martes, 31 horas despois do bloqueo da vía convocado por Tsunami Democràtic en resposta á sentenza do 1-O. Despois do desaloxo de persoas acampadas iniciado a primeira hora da mañá pola policía francesa, a autoestrada foi reaberta en sentido sur, aínda que seguen cortadas as saídas 1 e 2. Con todo, en sentido norte, a autoestrada permanece cortada despois das tarefas para retirar materiais e entullos levados polos acampados.

O desaloxo

Varios centos de manifestantes de Tsunami Democràtic durmiron en coches e tendas, preparados para a segunda xornada de bloqueo da autoestrada que une España e Francia, á altura de Le Perthus. Pero os antidisturbios franceses tomaron posicións a primeira hora para desaloxalos e repregalos ata territorio español.

Tras o aviso de carga, axentes da policía e da xendarmería retiraron os manifestantes, nalgúns casos con golpes de porra e gas lacrimóxeno.

Unhas 300 persoas quedaron encapsuladas entre os policías franceses e os mossos, que pedían o desaloxo da zona.

Hai 19 detidos. Os mossos arrestaron un home por atentado á autoridade, e os xendarmes outros 18 manifestantes. O presidente da Generalitat avoga pola contención da policía autonómica.

Tras o desaloxo, os operarios da autoestrada traballan para que a AP-7 recupere canto antes a circulación. Hai milleiros de transportistas afectados polo bloqueo, que tamén se trasladou momentáneamente á Nacional II na Jonquera, onde os atascos son quilométricos. Tsunami Democràtic chama agora a colapsar tamén a fronteira de Hendaia, no País Vasco.

Sobre os incidentes na fronteira con Francia e ese corte de máis de 24 horas da AP-7 opinou este mediodía a voceira do PP no Congreso. Cayetana Álvarez de Toledo fala de chantaxe intolerable ao Estado.

Noticias web

12/11/2019