CRTVG

Buscar

18 concellos galegos superan os 250 casos de incidencia

Publicado o 12/07/2021 20:41

Ourense suma 110 contaxios máis en 24 horas. A cidade concentra case o 10 por cento de todos os casos activos de Galicia. Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, explicou que "temos 573 casos a día de hoxe na cidade de Ourense nun crecemento explosivo nos últimos días. Estamos a falar de cifras moi preocupantes aínda que a repercusión asistencial non está sendo a que adoitabamos en épocas prevacinación".

Hai outros 71 infectados no Barco, outro candidato a vivir desde este martes con máis limitacións. O mesmo desánimo cunde na outra punta de Galicia: en Boiro, teñen os peores números desde febreiro. O seu alcalde, José Ramón Romero, conta que "houbo moita xente nova na zona de ocio e tivo que intervir a Policía Local e a Garda Civil en momentos puntuais". "A xente nova quere divertirse e na cabeza non lle cabe que teñen a vida en perigo", opina unha señora.

No Salnés, as restricións vixentes hai unha semana non impediron que seguisen crecendo os contaxios: podería haber novas medidas para a Illa, Cambados ou Vilanova. Os hosteleiros piden que non se ceben neles. Un deles, Óscar Casal, sostén que "non están nun restaurante non están nunha cafetería, os contaxios veñen de onde veñen. E a proba é que siguen subindo e nós estamos pechados".

Vigo e arredores é o outro foco de atención: ningunha área sanitaria ten tantos casos activos, aínda que case todos están na casa. Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo, informou de que "temos agora mesmo só na área 5 ingresados no hospital, 3 deles non teñen ningunha dose da vacina posta". Un de cadas 3 infectados na área sanitaria viguesa non chega aos 30 anos.
 

Noticias web

12/07/2021