CRTVG

Buscar

13 persoas faleceron en Galicia no que vai de ano en accidentes de tractor

Publicado o 07/08/2019 14:57

Eran as catro e media da tarde cando un veciño da parroquia de Cundíns en Cabana de Bergantiños daba a voz de alarma. Unha muller de 76 anos acababa de quedar atrapada baixo un tractor en fronte da súa casa. Os primeiros en chegar ao lugar foron os membros de Protección Civil de Cabana de Bergantiños.

As primeiras hipóteses apuntan a que a muller perdeu o control do chimpín, caeu e quedou atrapada baixo o mesmo. Causas similares ás deste accidente acontecido o domingo en Castroverde en que perdeu a vida un home de 38 anos.

Con estas dúas últimas vítimas xa son 13 as persoas falecidas no que vai de ano na nosa comunidade en accidentes de tractor.

Na maioría dos casos tratábase de persoas maiores de 65 anos que conducían máquinas moi antigas que carecían de sistema antienvorco.

A Xunta e Tráfico colaboran dende o pasado mes de novembro nunha campaña de prevención de riscos no manexo de tractores en 208 concellos rurais. O obxectivo é formar os traballadores agrarios pero tamén a aqueles que empregan estas máquinas en actividades do ámbito familiar para intentar evitar este tipo de sinistros, demasiado frecuentes na nosa comunidade.

69 persoas morreron en accidentes de tractor desde o ano 2016.

 

Noticias web

07/08/2019