13 concellos están desde este luns no nivel alto de restricións
Son 13 os concellos que entraron hoxe no nivel alto. Miño, Ponteceso, Arteixo e Sobrado dos Monxes na área sanitara da Coruña. Cariño e Mugardos, na de Ferrol. Na área sanitaria de Lugo están neste nivel Guitiríz, Lourenzá e Paradela. Na de Vigo soamente o concello de Mos e na de Pontevedra entran Pontecaldelas, Vilanova de Arousa e Cambados.
A maioría destes concellos quedan illados na súa contorna, a excepción de Sobrado dos Monxes e Guitiriz, que, malia pertencer a provincias diferentes, son limítrofes como Vilanova de Arousa e Cambados.
As restricións neste nivel manteñen as reunións de catro persoas non conviventes, pero afectan o sector da hostalería, que volve ter prohibido o consumo no interior e as terrazas ao 50 por cento de ocupación.
Para seguir detectando posibles casos asintomaticos desde hoxe e ata o venres, 4 farmacias de Cambados participan nun cribado poboacional intensivo a persoas de entre 40 e 64 anos cunha autorrecollida de mostra de saliva para a súa analise por PCR.