CRTVG

Buscar

10 positivos nun novo gromo en Cospeito

Publicado o 14/08/2020 19:59

O primeiro caso deste gromo de Cospeito detectouse esta fin de semana. Pero crese que os contaxios comezaron a principios de mes. Segundo fontes próximas aos afectados, a orixe está nos contactos habituais entre varios membros da familia que viven en tres casas distintas. Un dos positivos vive na Coruña, pero nin sequera está claro que esa persoa sexa a orixe do gromo porque na súa casa todos deron negativo.

Entre os membros da familia hai 8 positivos, 6 adultos e 2 nenos. Pero ademais, unha destas persoas traballaba no servizo de axuda no fogar para xente maior. Fixéronse probas nas cinco casas que visitaba e atopáronse 2 positivos máis, unha muller de 88 anos e o seu fillo. No resto das casas nas que traballaba deron todos negativo pero están en corentena por precaución. O Sergas vai facer probas tamen aos 15 traballadores dunha empresa de construción que dirixe un dos positivos de Cospeito.

Rafael Monte, director asistencial da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte: "Necesitamos unha lista de contactos estreitos nas primeiras 24 horas e establecer a que persoas hai que facer PCR. A rapidez é moi importante para cortar o gromo".

En Castro de Rei continúan illados 6 xornaleiros dos invernadoiros de Begonte e Cospeito que deran positivo e 50 persoas coas que tiveran contacto. Nas últimas horas fixéronse PCRs aos 315 compañeiros da empresa e todos deron negativo. Na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco mantéñense dez gromos. Entre os brotes e os casos illados hai 73 persoas que deron positivo en coronavirus. Dúas delas están ingresadas e o resto recupéranse na casa.

Noticias web

14/08/2020