Dez quilos de heroína enterrados nun xardín de Carballo
• Once detidos dunha rede que traía a droga camuflada en coches dende Holanda | O receptor era un albanés da Illa de Arousa que facía negocios cun matrimonio de Carballo
Hai algo máis dun ano que a Garda Civil detectou un aumento no tráfico de heroína en Carballo. E aí empezou a investigación. A rede liderábaa dende Madrid un ex-presidiario albanés. El contactaba cos provedores en Holanda e organizaba a distribución en Galicia. O primeiro destinatario, outro albanés que vivía a todo luxo na Illa de Arousa. E que tiña negocios cun matrimonio de Carballo. A heroína cruzaba media Europa camuflada en coches.
Francisco Javier Jambrina, coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña: "O 23 de xaneiro sabiamos que ía desprazarse un coche e nel atopamos máis de 10 kg de heroína. Seguímolo ata Vigo, onde toma contacto co destinatario e os detivemos. Iso desencadea o estoupido da operación".
Pilar López-Rioboo Sbdelegada do Goberno na Coruña: "Os resultados son 11 detidos de distintas nacionalidades: albaneses, rumanos, colombianos e unha parella de Carballo".
Na casa deste matrimonio de Carballo atoparon case 10 quilos de heroína. Non foi doado. Fixeron falla cans detectores de droga. Houbo que botar paredes abaixo e ata sachar. E é que os fardos estaban soterrados no xardín a metro e medio de profundidade.
Francisco Javier Jambrina. Coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña: "O can dende o interior da casa marca droga na parede. Saímos por fóra da casa a esa altura e aí aparecen enterrados".
Houbo ademais rexistros en vivendas de Madrid, Vigo e na Illa de Arousa e tamén nunha nave industrial da capital na que se preparaban os vehículos. Ademais da droga, os axentes incautáronse de 11 coches, 40.000 euros en efectivo, armas e ordenadores. A operación segue aberta e non se descartan máis arrestos.