div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

Fin de semana de fútbol na CRTVG, co Cornellá-Lugo, Coruxo-Vilalbés, Pontevedra-Fabril e Arenteiro-Deportivo

Santiago, 15.12.2023.-  A CRTVG retransmite esta fin de semana fútbol correspondente á 1ª e 2ª RFEF, atletismo e baloncesto feminino. As emisións comezarán na G2 e a web o sábado ás 15:00 h, co U. E. Cornellá- C. D. Lugo da 1ª RFEF. Os galegos atópanse na parte alta da táboa, co que un triunfo impulsaríaos directamente a postos de cabeza, pero os cataláns tamén precisan a vitoria, pola súa proximidade á zona vermella. A CRTVG emitirá este encontro tanto na G2 coma na web. 

Ás 17:00 h, comezará, tamén en ambas canles, o partido no Vao entre o Coruxo F. C. e o Rácing Club Vilalbés, último encontro do ano e penúltimo da primeira volta da Segunda Federación. Os vigueses atesouran cinco vitorias nos últimos seis partidos e son décimos con 20 puntos, tres menos que os vilalbeses, en sétima posición. 

O domingo, as emisións dos medios públicos comezarán con atletismo. Entre as 10:55 h e as 12:00 h, G2 e web retransmitirán a Carreira Sin-Son 10k. Ás 12:30 h ofrecerán baloncesto feminino, co partido da Liga Endesa entre Barcelona CBS e Baxi Ferrol, encontro que se retransmitirá tamén na G2 e en crtvg.gal. 

A xornada continuará ás 17:00 h, co derbi galego entre Pontevedra C. F. e R. C. Deportivo Fabril no Estadio Municipal de Pasarón. Trátase dunha confrontación con moita historia. Os granates enfrontáronse aos coruñeses ata en 48 ocasións, entre encontros de Liga e Copa do Rei. E, a pesar disto, non coincidían nun partido oficial desde a temporada 18-19, en que se atopaban na Segunda B. Para saber que sucede nesta ocasión haberá que seguir o partido pola  G2 ou a web da CRTVG.

A fin de semana deportiva dos medios públicos rematará ás 19:00 h. O campo do Espiñedo, no Carballiño, acolle o C. D. Arenteiro-R. C. Deportivo, do Grupo I da Primeira Federación. Atópanse, respectivamente, nos postos 9 e 10 da táboa clasificatoria, empatados a puntos, de aí a transcendencia do encontro. 

E, coma cada fin de semana, os programas ‘A xornada en xogo’ (23:00 h) e ‘En xogo’ (22:30 h) ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas da fin de semana deportiva, o sábado e o domingo, respectivamente.
 

ler máis

A Radio Galega estrea temporada este luns, con novas voces e a continuidade dos grandes formatos

Santiago, 01.09.2023.-  Regresan á Radio Galega os seus programas de máis éxito, co arranque da nova temporada en setembro. A partir do luns día 4, a emisora pública incorporará novas voces, coma as da personaxe de Virtudes A Repunante, que con máis de 100.000 seguidores nas redes sociais é unha das cómicas máis seguidas e queridas pola xente nova en Galicia.  Noutros rexistros, o cardiólogo Juan Antonio Juanatey ou o físico Jorge Mira prestarán os seus coñecementos a todos os oíntes da Radio Galega. Os formatos clásicos como ‘Pensando en ti’ cambian de presentador na edición semanal. Ademais, a RG manterá amplas franxas dedicadas á actualidade informativa, cultural, deportiva de Galicia.

O programa das mañás, ‘Galicia por diante’, continuará coa exitosa estrutura das edicións anteriores, en horario de 6:00 a 14:00 h Silvia Pereira estará á fronte do tramo informativo, ata as 9:30 h, e Kiko Novoa, conducirá o magazine. Entre as 11:00 e as 11:45 h, os oíntes coñecerán as novas máis destacadas e gozarán dos comentarios de populares colaboradores, coma o humorista Tonhito de Poi e os influencers O BarroquistaEnfermera Saturada, e DeborahCiencia. E, coma en temporadas anteriores, o espazo ‘A bóla extra’, emitirase simultaneamente na TVG, entre as 12:00 h e as 13:00 h, contando de novo a diario co humorista Marcos Pereiro.

O programa ‘A tarde’ emitirase de 15:00 a 19:00 h, coa incorporación de María Foscaldo como colaboradora, coa personaxe que popularizou en redes sociais, Virtudes A Repunante. Os máis de 110.000 seguidores en TikTok desta personaxe que esperta antipatía e tenrura ao mesmo tempo, coa súa visión anacrónica do mundo e opinando de todo sen saber de nada, poderán gozar das súas ocorrencias no faladoiro da primeira hora do programa. Neste espazo trataranse con moito humor os temas do día. 

Ademais, ‘A tarde’ terá puntos de directo nas catro provincias e recibirá expertos en medicina, maternidade, seguridade viaria, viaxes, consumo ou medio ambiente. Desde as 19:00 ás 20:00 h, Águeda Penedo tomará a remuda co formato vespertino, ‘Convivir’.

Pola súa banda, o popular programa da madrugada ‘Pensando en ti’ sorprenderá esta temporada con importantes cambios. O presentador habitual, Marcial Mouzo, incorpórase como director e condutor á edición da fin de semana, polo que, de luns a xoves, o formato, recentemente galardoado pola ONCE pola súa labor de acompañamento á soidade, incorporará novo presentador. O nome desvelarase este sábado no programa. 

Na fin de semana a RG ofrecerá ‘Galicia por diante fin de semana’, con tramo informativo de Luís Ojea, de 8:00 a 9:00 h, e a sección magazine de Victoria Rodríguez, os sábados desde ás 12:00 h e os domingos, desde as 11:45 h. Contará con colaboradores coma o cardiólogo Juan Antonio Juanatey ou o físico Jorge Mira.


Espazos informativos, culturais e deportivos

O informativo ‘A crónica’ achegará a actualidade diaria nas edicións de mediodía, de 14:00 a 15:00 h e nocturna, de 20:00 a 23:00 h. O primeiro tramo será informativo, con seccións de deporte de 14:45 a 15:00 h, e cultura, mentres que, a partir das 21:00 h incluirá espazos especializados. Os luns, ‘Atmosféricos’, con Mabel Montes‘Lambóns de viaxe’ ‘Lambóns dixitais’, con Carlos García Verdugo, martes e xoves, respectivamente, e ‘Efervesciencia’, os mércores, con Manuel Vicente. E, coma na temporada anterior, o faladoiro do último tramo do programa, de 22:00 a 23:00 h, emitirase de xeito simultáneo en RG e G2.

A proposta de programación especializada en cultura da Radio Galega desenvolverase todos os días da semana. De luns a venres, nas tres edicións de ‘Diario cultural’, ás 10:30 h, 17:30 h e 20:45 h. Na fin de semana, tomará a remuda edición Zeta, con cultura para a mocidade da xeración Z.

Xoán Galán estará á fronte do ‘Galicia en goles’, que recollerá o mellor da fin de semana deportiva, os sábados, de 15:00 a 00:00 h e os domingos, en sesión matinal, de 11:45 a 14:00 h, e vespertina, desde as 15:00 h, rematando xa de madrugada, ás 01:00 h.

A análise deportiva semanal desenvolverase en ‘Ao contraataque’, con Pedro Pablo Alonso, de luns a xoves, de 23:00 a 01:00 h. Tamén continuará o espazo deportivo con perspectiva social ‘Galicia en xogo convivir deportivo’, con Alfonso Pardo.

ler máis

A Radio Galega retransmite o sábado desde Mestalla o Valencia-Celta

Santiago, 23.11.2023.- A última fin de semana do mes de novembro presenta un amplo abano de retransmisións deportivas na Radio Galega. O venres, desde as 20:30 h, a primeira edición de ‘Galicia en goles’ estará dedicada ao baloncesto, coa cobertura dos partidos Burgos-Basquet Coruña e Gipuzkoa-Ourense, da Liga Española.

O sábado, a partir das 15:00 h, toda a atención estará posta na Primeira División de fútbol. Desde Mestalla, o equipo da Radio Galega contará o Valencia-Celta, no recomezo do campionato tras o descanso polos compromisos das seleccións nacionais. Aqueles seareiros que teñan previsto seguir o partido pola televisión teñen a opción de audio da Radio Galega para escoitar a narración.

Logo chegará o derbi da Primeira RFEF que disputan no Anxo Carro o Club Deportivo Lugo e o Arenteiro do Carballiño. Ademais, o ‘Galicia en goles’ informará da Terceira RFEF, con este calendario: Pontevedra B-ArousaArteixo-Estradense e Bouzas-Barbadás. Mentres, os afeccionados ao baloncesto terán nas plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes a emisión íntegra do Obradoiro-Granada, da Liga ACB, que tamén se escoitará no audio 2 do dial 65 de Movistar.

O proxecto #GaliciaEnXogo chegará aos oíntes en tres entregas durante o sábado. A primeira, ás 13:00 h, desde Vilamarín. A segunda, ás 23:00 h, dedicada ao mundo do motor, tras rematar a pasada fin de semana o campionato galego. Por último, ás 23:30 h, o espazo olímpico contará co resume semanal da actividade dos deportistas galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Xa o domingo, o deporte terá unha continuidade de máis de 13 horas na grella da Radio Galega. Ás 11:45 h, as primeiras retransmisións serán de fútbol da Segunda e Terceira RFEF, con atención especial ao Ourense CF-GuijueloFabril-Caión e Vilalbés-Langreo. Desde as 14:00 h, a emoción estará no fútbol profesional da Segunda División coa visita do Rácing de Ferrol ao líder, o Leganés. Esta emisión tamén se escoitará no audio 2 da canle de televisión La Liga Hypermotion, que transmite por varios operadores de pagamento. Ao remate, continuará o fútbol co Celta Fortuna-Real Sociedad BCovadonga-Pontevedra e Compostela-Coruxo. A partir das 20:00 h, Riazor será o punto de directo co Deportivo-Osasuna Promesas. Mentres, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes ofrecerán integramente ao mediodía o Breogán-Zaragoza, que tamén chegará polo audio 2 do dial 64 de Movistar.

Ao final da xornada, entre as 23:00 e as 00:00 h, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para debater sobre os resultados dos nosos equipos. Xa na última hora, de 00:00 a 01:00, os adestradores e xogadores da Terceira RFEF serán entrevistados para analizar os nove partidos desenvolvidos durante a fin de semana.


Colaboración con UNICEF

Ademais, desde o venres e ata o domingo, o programa ‘Galicia en goles’ divulgará tamén os principais contidos da Semana da Infancia de UNICEF, centrada no benestar do deporte e a protección da rapazada desde os clubs. Mesmo algúns nenos e nenas exercerán de comentaristas nos partidos destacados da xornada galega.

ler máis

Noelia Rey e Rocío Durán acompañarán a Xosé Ramón Gayoso nas badaladas da TVG en fin de ano

O presentador Xosé Ramón Gayoso volverá presentar o ‘Especial badaladas’ da TVG na noite de fin de ano desde a praza do Obradoiro, onde estará acompañado polas presentadoras Rocío Durán e Noelia Rey, actualmente á fronte dos espazos ‘Hora galega’, nas tardes da TVG e do noticieiro de humor ‘Malicia noticias’.

 Gayoso pechará deste xeito un 2023 moi especial, no que mesmo se anunciou que abandonaba o estudio de ‘Luar’, o que propiciou ata un concurso entre quince presentadores para substituílo. A broma rematou hai unhas semanas coa súa volta á fronte do espazo máis querido da canle. Agora volverá tamén acompañar os galegos e galegas na conta atrás para estrear o ano 2024. 

A presentadora Rocío Durán triunfa na pantalla coa emisión do magazine das tardes ‘Hora galega’, estreado en 2022. Pola súa parte, a ourensá Noelia Rey é unha cara moi coñecida da TVG. A xornalista, que recolleu o Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022, presentou espazos como ‘Vaia troula’ e actualmente conduce o noticieiro ‘Malicia noticias’ en clave de humor no prime time da canle.

ler máis

Rosa Vilas recolleu o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación en recoñecemento á súa carreira

Ferrol, 17.11.2023.- Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, recolleu este venres o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia, en recoñecemento a súa traxectoria profesional. Nunha gala celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, a xornalista foi homenaxeada pola súa carreira e como pioneira xa que foi a primeira muller en dirixir a Televisión de Galicia, no 2009.

Na súa intervención, Rosa Vilas agradeceu e recoñeceu o importante papel dos equipos da TVG na súa carreira e tivo tamén unha lembranza para outra xornalista pioneira, Rosa Martínez, recentemente falecida, compañeira e ex-directora da Radio Galega. Rematou as súas palabras adicando o premio aos seus dous fillos aos que agradeceu, emocionada, "o apoio incondicional e a vosa comprensión por tantas ausencias durante todos estes anos".

A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.

En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017, foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.

Premios Paraugas

O Clúster da Comunicación de Galicia puxo marcha hai oito anos os Premios Paraugas para poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia. Cada ano, neste 2023 por primeira vez fóra de Ourense, os galardóns recoñecen traballos de creativos, axencias de publicidade, entidades, imprentas, e proxectos de comunicación de marketing feitos desde Galicia.

www.clustercomunicacion.gal

ler máis

Un 'Luar' dedicado á Semana coa Infancia recibe no escenario a Andy y Lucas, Cómplices e María do Ceo

Santiago, 24.11.2023.- ‘Luar’ emite esta noite un programa especial dedicado a dar visibilidade ao traballo de UNICEF, na XIII Semana coa Infancia, da que participa a CRTVG xunto coa ONG para concienciar en torno aos dereitos dos menores. Ao longo da noite, os presentadores do espazo, Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, irán lembrando os artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno. 

Coma sempre, ‘Luar’ chegará tamén cargado de música e entretemento. Subirán ao escenario os dúos Andy y Lucas e Cómplices, a artista pop Yoli Saa ou a orquestra Mar Azul, coa mellor representación do folclore galego. O humor poñerano Campos e Crespo.

Logo de 20 anos de carreira, oito álbums, tres recompilacións e 20 discos de platino, Andy y Lucas deixarán a música, tras unha última xira de despedida, que comezará o vindeiro 20 de abril no Gran Teatro Falla, de Cádiz. Á espera desta parada, os espectadores da TVG gozarán hoxe de pegadizas melodías como ‘Son amores’.

Ademais, o musical contará esta noite coa fadista María do Ceo e, no apartado de folclore galego, co grupo de música e baile tradicional Os Trazantes de Tenorio e a Foliada Vaiboa. E no concurso ‘Recantos’ participarán Paula Meda, por Terras de Pontevedra, e Bea García, das Terras do Eume.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 41 - 46 de 46 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade