Ficha
Benvidos ao Faro, un restaurante familiar onde se serve comida caseira, un lugar querido por todos onde a camareira, Lucía, lembra os gustos de cada un dos clientes, onde a avoa Fina cumpre todos os caprichos destes, onde Ánxela ten o seu reino particular na súa cociña e onde se criou Xosé. Lucía criouse tamén entre estas mesas e aínda que ás veces soñe con montar o seu propio restaurante, moito máis urbano, cando O Faro a necesita vai ser a primeira en loitar por el.
No Faro acaban confluíndo todos os personaxes, todo ocorre aquí, é case un refuxio para moitos dos nosos protagonistas: Xesús atopa alí a familia que xa non ten cerca, Iolanda come o arroz con leite que xa ninguén lle fai, Pilar acode tras pechar a gasolineira… Moitos teñen incluso a súa mesa, e outros terana…
Pero a vida deste entrañable e apracible lugar que se mantivo en pé durante décadas vai cambiar para sempre, este negocio familiar que montaron os pais de Fina está ameazado, o que fará que os espectadores teñan a alma nun puño por saber cal será o futuro deste lugar.