CRTVG

Buscar

Historia

Historia da Radio Galega

Radiotelevisión de Galicia, S.A., ou como é coñecida "Radio Galega", iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día do aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro.

A programación regular comezaría o 29 de marzo de 1985 e desde entón emite as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega.

A súa programación abrangue todos os aspectos da sociedade galega. Así, informativos, magazines, deportes, cultura, música, programas especiais e emigración conforman espazos que permiten ao oínte estar ao día da actualidade de Galicia, de España e do mundo. A Radio Galega produce e emite o 100% da súa programación dende a Casa da Radio, situada no Centro de Produción e Emisión de San Marcos en Santiago de Compostela. Os 2.000 metros cadrados das novas instalacións están distribuídos en cinco estudios, control central, redaccións de informativos, programas e deportes, discoteca, fonoteca, dependencias administrativas, despachos e un estudio de gravación de 150 metros cadrados.

O cadro de persoal está composto de 90 profesionais, agrupados en sete xefaturas.  necesidade de aproximar aos oíntes ao acontecer máis próximo fixo que se iniciara unha descentralización da súa redacción e na actualidade conta con estudios na Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo, así como correspondencias en Lugo e Pontevedra, apoiadas nunha ampla rede de correspondentes. No exterior, a Radio Galega ten correspondentes en Madrid, Lisboa e Bruxelas.
A Radio Galega é unha empresa de carácter público e o seu orzamento provén de subvencións da Xunta de Galicia, previo acordo entre a CRTVG e o Parlamento de Galicia.

O seu sinal cobre o cen por cento do territorio galego e chega aos oíntes a través de seis emisores e 26 reemisores, que poden ser captados en amplas zonas de Asturias, León, Zamora e Norte de Portugal.

O feito de ser Galicia unha comunidade cunha forte taxa de poboación emigrante fixo que a emisora pública do país crease o Servizo de Radio Exterior, unha iniciativa pioneira entre as radios autonómicas de España, que iniciou a súa andaina o 7 de outubro de 1992.

Algúns apuntamentos da historia da Radio Galega:

  • A Radio Galega é a única emisora de Galicia con total cobertura do seu sinal en todo o territorio da Comunidade Autónoma.
  • A Radio Galega emite a súa portadora con RDS desde 1994, o que permite a rápida localización e identificación do sinal de radio.
  • A Radio Galega conta cun Servizo de Radio Exterior que emite programas en lingua galega en 20 emisoras de nove países desde o 7 de outubro de 1992.
  • A Radio Galega foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través da rede Internet. Fíxoo o 20 de agosto de 1996.
  • A Radio Galega emite en son estéreo pola Internet desde o día 20 de marzo de 1997 ás 20 horas e 40 minutos. Desde o 10 de outubro de 1997, ofrece a posibilidade de escoitar as emisións en son estéreo ou mono segundo a posibilidade técnica do usuario.
  • A Radio Galega realizou a súa primeira emisión dixital, de xeito experimental, o mércores 16 de abril de 1997 ás 17 horas desde o emisor do monte do Pedroso en Santiago de Compostela.
  • A Radio Galega ofrece programación á carta desde o 28 de setembro de 1997. Desde o 3 de decembro de 1997 a Radio Galega conta cunha cámara web que permite ao usuario ver os estudios da radio.
  • A Radio Galega iniciou as emisións dixitais pola plataforma "Vía Digital" o 16 de xuño de 1998.
  • A Radio Galega iniciou as emisións vía Eutelsat para toda Europa o día 24 de decembro de 1998.
  • A Radio Galega realizou o cambio de imaxe corporativa o mércores día 20 de xaneiro de 1999.
  • A Radio Galega regularizou as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat o 29 de xaneiro de 1999.
  • A Radio Galega iniciou as súas emisións regulares cara a América polo satélite Hispasat o 22 de febreiro de 1999.
  • O 23 de abril de 1999, venres, entrou en funcionamento o novo enderezo electrónico da Radio Galega.
  • O 17 de xuño de 1999 iniciou as súas emisións terrestres regulares en dixital (DAB) desde o centro emisor do monte Pedroso en Santiago de Compostela.
  • En abril de 2001, e despois dun pequeno parón (alleo á RG), a Radio Galega reinicia as súas emisións para Europa, a través do satélite Hispasat.
  • A segunda enquisa do EGM da temporada 2002-2003 sitúa á Radio Galega como a segunda emisora máis escoitada de Galicia, cunha media de 142.000 oíntes diarios.
  • O 3 de marzo de 2004 Radio Galega Música comeza a emitir en FM, dixital, Internet e TDT (Televisión Dixital Terrestre).A nova canle Son Galicia Radio bota a andar o 17 de maio de 2004 emitindo a través de Internet e da TDT.
  • A Radio Galega e o diario electrónico Vieiros crean en 2006 o concurso de creación musical na rede A Polo Ghit!, que elixe a canción do verán galega.
  • En 2007 pon en marcha a primeira edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que organiza o programa da RG "Diario Cultural" co Centro Dramático Galego.
  • O programa radiofónico "Diario Cultural" cumpre 18 anos en antena no ano 2009.
  • O 29 de marzo de 2010, a Radio Galega celebra o 25 aniversario do comezo das súas emisións.
  • O 6 de novembro de 2010, a Radio Galega e a TVG realizan o maior despregamento, técnico e humano, na súa historia para ofrecerlle a todo o mundo a visita de S.S. o Papa Bieito XVI a Santiago.
  • En abril de 2010, o programa Somos Quen da Radio Galega lanza o concurso Vas Sacar Nota? para decidir a canción do verán. Un festival a finais de agosto pon o broche á edición.
  • A Radio Galega promove o descubrimento de novos talentos musicais galegos nos distintos xéneros, desde xaneiro de 2011, a través do concurso Novo Son. Os gañadores participan no festival ourensán Derrame Rock.
  • Desde abril de 2013, a Radio Galega conmemora os 150 anos de Cantares Gallegos. O programa Diario Cultural comeza unha serie de emisións poéticas da iniciativa De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI. Participan máis de 25 poetas, que aportan textos inéditos creados a partir dos poemas da obra de Rosalía.