CRTVG

Buscar

Presentación

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) nace o 1 de xaneiro de 2016 como sucesora da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que comezou as súas emisións en 1985, e a súa sede principal está situada en Santiago de Compostela, capital de Galicia. A misión primeira da Corporación é mellorar e normalizar o uso do galego como lingua oficial e promover a nosa cultura a través da Televisión de Galicia (TVG), a Radio Galega (RG) e de soportes dixitais. A achega orzamentaria principal provén do Goberno autonómico de Galicia e complétase con ingresos por publicidade.

A CRTVG retransmite as 24 horas do día, 365 días ao ano a través de dúas canles de TDT en HD, dúas por satélite para Europa e América e catro da Radio Galega. A isto súmanse outras fiestras en dixital, co portal crtvg.gal, a canle @G24Noticias e varias canles temáticas en soporte IP, como enserie.gal, vivea.gal ou pasouoquepasou, o arquivo en liña dos medios públicos.

Desde 2019, a TVG emite en alta definición (HD) polas súas dúas canles, e é a única televisión con máis dunha canle en España con toda a súa oferta televisiva en HD na TDT, mantendo tamén as dúas canles en SD.

Cuns servizos informativos líderes, encabezando as televisións rexionais e apoiada por unha sólida posición da Radio Galega e dos medios dixitais, a Corporación fomenta a innovación tecnolóxica no campo dos contidos dixitais e as canles temáticas, para consolidarse como o medio de comunicación audiovisual de referencia para a cidadanía galega.

Así mesmo, é o medio de comunicación autonómico español que máis inviste no seu sector audiovisual rexional en canto a cine e series de televisión, segundo reflicten anualmente os datos da CNMC, colocando os seus produtos e a lingua galega nas principais plataformas de streaming do mundo. O 96% do que se emite na TVG é material feito en Galicia e por galegos, xa sexa en forma de  produción propia interna ou elaborado por empresas produtoras pertencentes á industria audiovisual galega.