CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Un total de 51 orixinais concorren ao VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

22/01/2012

Rematou o prazo para a presentación de obras a esta nova edición, que promove o programa cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego co patrocinio da Agadic.

Evaristo Calvo, Xosé Manuel Pacho Blanco, Roberto Taboada, Camilo Franco, Gloria Ferreiro e Ana Romaní integran o xurado.

Os usuarios da web Fervenzas Literarias distinguiron, entre os Mellores L

Un total de 51 orixinais concorren ao VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago, 22.01.2012.- Un total de 51 orixinais concorren á sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico que abre agora un período de selección de obras finalistas. Evaristo Calvo dirixirá a adaptación radiofónica das obras finalistas que se emitirán no mes de marzo nos distintos programas da Radio Galega.

O xurado do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estará formado por Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador do Premio do Xurado e da Audiencia da V edición pola obra Paraísos; o director de teatro e actor Evaristo Calvo; Camilo Franco, crítico de teatro; Roberto Taboada, coordinador de actividades do Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do espazo “Diario Cultural” na emisora pública galega.

No mes de febreiro daranse a coñecer as obras finalistas seleccionadas polo xurado. Un cadro de actores e actrices coordinado polo CDG -Centro Dramático Galego- e dirixido por Evaristo Calvo dramatizará os textos seleccionados que a Radio Galega emitirá na súa programación no mes de marzo.

O VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

Organizado polo “Diario Cultural” da Radio Galega e o CDG co patrocinio da Agadic, o certame materialízase na emisión na Radio Galega das obras seleccionadas e dramatizadas polo Centro Dramático Galego e na posterior edición nun libro-Cd cos textos finalistas. As dramatizacións emitiranse en distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, finalmente, o xurado escollerá a obra galardoada e a audiencia votará o texto, que recibirá o premio do público.

Cada unha das dúas categorías do galardón conta cunha dotación de 3.000 euros e as obras finalistas serán publicadas por Edicións Xerais de Galicia. Tamén está prevista unha gala de entrega de premios para a que se empregará o formato de “espazo radioescénico”, deseñado como unha emisión especial do programa “Diario Cultural”, en que os actores e actrices interpretarán en directo e diante do público as obras galardoadas.

A web Fervenzas Literarias galardoa a “Diario Cultural”

O pulo á cultura, nos seus diferentes ámbitos que se realiza nos programas dos medios públicos galegos, vén de ser recoñecido polos lectores e usuarios dunha páxina web dedicada tamén a fomentar e difundir a cultura galega, www.fervenzasliterarias.com.

Os internautas participaron, a través dun cuestionario, na elección dos Mellores Libros de 2011 distinguindo a publicación “V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico”, do programa da Radio Galega “Diario Cultural”, como Mellor libro de Literatura Dramática.

Amais este mesmo espazo “Diario Cultural”, que dirixe e presenta na Radio Galega Ana Romaní, foi premiado polos usuarios da web na categoría Mellor Medio de Comunicación de 2011.

Por último, cómpre salientar que nesta mesma votación, os seguidores de fervenzasliterarias.com tamén destacaron o libro de Xavier Lama, escritor e xornalista da Televisión de Galicia, “Os reloxos preguiceiros de Néboa”.  

Na foto superior, Ana Romaní e Anxo Quintela, nunha das galas de entrega de premios pasadas.