CRTVG Viva
TVG ofrece "Ana Kiro. Toda Unha Vida", un especial sobre a raíña da canción popular galega
Dada a proximidade do aniversario do seu pasamento, a canle pública ofrecerá esta noite e o próximo sábado dous programas a modo de homenaxe á artista arzuá
Hoxe, Sonia López e Ricardo Pardo achegarán algunhas das súas mellores actuacións musicais e darán paso a unha das súas galas máis lembradas

Santiago, 17.09.2011.- Televisión de Galicia ofrece esta noite o especial Ana Kiro. Toda Unha Vida, dedicado á considerada raíña da canción popular galega, a uns días de cumprirse o primeiro aniversario do seu pasamento (24 de setembro de 2010). Dada a proximidade desta data e a modo de homenaxe, a Galega ofrecerá senllos programas especiais, esta noite e o próximo sábado, onde se recuperarán algunhas das mellores actuacións como cantante da versátil artista arzuá.
Hoxe, Sonia López e Ricardo Pardo transportarán os espectadores a 1999, ano Xacobeo en que Ana Kiro protagonizou en Arzúa unha “festa popular”, en que tanto ela como os seus convidados interpretaron temas alusivos a Galicia e ao Camiño. Todo un espectáculo con efectos audiovisuais e fogos artificiais, en que a cantante arzuá estivo rodeada dalgúns dos seus mellores amigos e artistas, como Conchita Bautista e Peret.
A Coral de Arzúa, a agrupación folclórica Mestura, as pandereteiras Folixeiras e a orquestra Cruceiro, coa súa cantante Marietta, acompañaron tamén coas súas actuacións a festa popular de Ana Kiro, que amais contou con máis momentos emotivos, xa que nesta gala a artista arzuá gozou da achega artística da súa neta, Eva, e o tema “O tren”.
Nesta lembranza especial, os condutores de Ana Kiro. Toda Unha Vida darán paso amais a algunhas das mellores actuacións da prolífica artista, na súa longa vinculación profesional coa Televisión de Galicia, como foron as súas interpretacións ao carón de Pucho Boedo, de Xosé Ramón Gayoso, ou mesmo con Dyango.