CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia potencia a información de proximidade e reforza a divulgación sobre medio ambiente coa estrea de 'Atmosféricos'

16/09/2022

Almudena Rodríguez de Urzáiz e Alberto Mancebo únense ao elenco de presentadores de informativos e Sevi Martínez ponse á fronte de ‘Atmosféricos’ para ofrecer todas as claves da información arredor do clima

‘A Revista’ estrea horario e comeza ás 10:30 h, xusto despois do ‘Bos Bías’

Televisión de Galicia potencia a información de proximidade e reforza a divulgación sobre medio ambiente coa estrea de 'Atmosféricos'

Santiago, 16.09.2022.-  Os servizos informativos de Televisión de Galicia, o eixe central da programación da canle pública, estrean nova temporada potenciando a cobertura sobre o territorio e o tempo de directo de contidos informativos.

Televisión de Galicia, canle líder en información

O matinal ‘Bos Bías’, presentado nesta temporada por Fran López Iglesias e Almudena Rodríguez de Urzáiz, é a referencia informativa matinal entre as 8:00 e as 10:30 h. A continuación é o tempo de ‘A Revista’, que adianta o seu horario habitual para acompañar os espectadores desde as 10:30 h da mañá baixo a condución de Loli Gómez.

Logo da emisión de ‘A Bóla Extra’, que contará este ano coa presenza do humorista Marcos Pereiro, chega a franxa do mediodía, que inclúe o novo programa ‘Atmosféricos’. Deseguido irán o ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, presentados por Eduardo Herrero e Marta Darriba, respectivamente. E despois dunha sobremesa e tarde dedicadas ao entretemento, ás 20:30 h son os xornalistas Marcos Sueiro e Raquel Domínguez os que seguirán nas pantallas dos espectadores da TVG á fronte do ‘Telexornal Serán’.

Os espazos informativos da fin de semana refórzanse cos xornalistas Chus Tanoira, a cargo dos espazos ‘Bos días’ e ‘Galicia Noticias’, e con Alberto Mancebo e Irene Lourido á fronte das dúas edicións diarias do ‘Telexornal Fin de Semana’. O relato de actualidade complétase nos mediodías dos sábados co programa de reportaxes ‘No Foco’, a cargo de Marcos Sueiro. Ademais, o compromiso da televisión pública coa información especializada supón o reforzo do bloque informativo central do día cos programas ‘Labranza’ e ‘Vivir o Mar’.

Estrea de ‘Atmosféricos’, as claves da información medioambiental en 15 minutos diarios

O martes 20 chega a estrea de ‘Atmosféricos’, un novo programa divulgativo diario de luns a venres (13:30 h). Presentado por Sevi Martínez, este espazo ofrecerá 15 minutos diarios de contidos relacionados co medio ambiente, o cambio climático e as súas consecuencias, e asuntos relativos aos sectores primarios directamente dependentes do tempo.

Emitirase pola primeira canle e tamén polo portal web e as redes sociais de ‘O tempo’: Instagram, Twitter e Facebook. A transcendencia social dos contidos relacionados coa meteoroloxía e o medio ambiente é cada vez maior, polo que tanto TVG como a Radio Galega amplían tamén esta temporada a súa información do tempo en todas as franxas horarias. Ademais, esta área medra tamén coa incorporación ao equipo do xornalista Xesús Peleteiro e con Ana Celia Vázquez. ‘O Tempo’ e ‘Atmosféricos’ estarán dotados de novas narrativas audiovisuais apoiadas na tecnoloxía para ofrecer un relato máis dinámico e gráfico.

Grande aposta polos espazos de análise política

Completando a oferta multiplaforma, a CRTVG ofrecerá varios formatos destinados á interpretación plural da actualidade en clave de análise política. En TVG poderán seguirse dous espazos de debate, ‘Galicia por Diante’ e ‘A Crónica’, realizados ambos no estudio multimedia da Radio Galega e que son emitidos simultaneamente por radio, televisión e a web. Neles participarán economistas como María Bastida, Maite Cancelo, María Loureiro, María Cadaval e Venancio Salcines e analistas políticos como Ricardo Colmenero, Javier Casqueiro, Bieito Rubido e Xosé Carlos Caneiro.

A estes súmanse outros programas de análise como ‘Conexión Galicia’, que seguirá contando cos referentes do xornalismo galego en Madrid, ou ‘Café sen gotas’, faladoiro realizado desde o Parlamento de Galicia.

O luns, estrea da nova temporada do cultural ‘ZigZag’

O luns día 19 regresa á G2 (16:30 h) o espazo cultural ‘ZigZag’, presentado por Pilar García Rego e por María Solar nas fins de semana.

Ao igual que o ‘Diario cultural’ na Radio Galega, o ‘ZigZag’ incorpora tamén novos colaboradores: Silvia García González, profesora de Belas Artes, na sección de artes plásticas; Roberto Pascual, dramaturgo e profesor na de artes escénicas; a profesora e xornalista Montse Dopico, e a profesora e investigadora Malores Villanueva, no tempo de literatura. Ademais, tamén se incorporan ao equipo de colaboradores o arqueólogo Xurxo Ayán e o historiador medievalista da USC José Miguel Andrade Cernadas. ‘ZigZag Fin de Semana’ regresa tamén a vindeira semana á grella, nas mañás de sábados e domingos, pola primeira canle de TVG.

Con toda esta oferta, TVG emitirá máis de once horas en directo, ás que o xoves e o venres hai que engadirlle unha media de tres horas máis no prime time, no horario de máxima audiencia. Ademais, a canle dixital G24.gal recolle todos estes contidos e configúrase como o medio informativo de referencia, actualizando en tempo real os contidos, facilitando o acceso a través dos dispositivos móbiles aos asuntos clave da axenda informativa.