CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia pecha setembro medrando nos seus informativos

01/10/2021

Aumenta a cota de pantalla catro dos sete días da semana con respecto a agosto

Medran as audiencias dos informativos da fin de semana e do 'Galicia noticias'

No que vai de ano a cota media acumulada achégase ao 10 %

Televisión de Galicia pecha setembro medrando nos seus informativos

Santiago, 01.10.2021.-   A TVG arranca a nova temporada televisiva coa fortaleza coa que rematou no mes de agosto. Os informativos da TVG seguen sendo os líderes en Galicia, e mesmo se reforzaron no mes de setembro, en que incrementou a audiencia tamén dos informativos nas fins de semana, tanto do ‘Telexornal mediodía fin de semana’ (4,9 puntos) como do ‘Bos días’, e no que a franxa informativa de 13:30 a 15:30 horas de luns a venres ('Galicia noticias' e 'Telexornal mediodía') se mantén líder no 19 %.

Por días da semana e en relación ao mes anterior, increméntase a cota de pantalla en catro dos sete días da semana:  os mércores,  os xoves, os venres e os sábados, grazas ás novas apostas de entretemento para esta temporada.

No conxunto do día, no mes de setembro a cota foi do 9,1 %, e no prime time, un 10 %, o que fai que a cota media acumulada da canle de 2021 estea no 9,9 %.

Máis información nas fins de semana

Na fin de semana xa se notan os efectos dos cambios introducidos na grella para esta nova temporada, en que se aposta por máis información a máis horas, coa misión de chegar todos os días en directo a todos os recunchos de Galicia. Desta forma, o  informativo ‘Bos días’ adquiriu o formato diario, ampliando duración os sábados (9:30-10:30 h)  e sumando a emisión aos domingos (10:30-11:00 h), con entrevistas en directo ambos os dous días da fin de semana. Nunha decidida aposta pola actualidade comarcal, tamén se estendeu á fin de semana o ‘Galicia noticias’ (13:30-14:30 h), con senllas emisións dunha hora.