CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia ofrece este domingo, en directo, a Procesión do Cristo da Vitoria desde Vigo

04/08/2022

O evento, que se pode seguir tamén pola web da CRTVG, transmítese desde as 19.30 horas

Despois de se suspender durante dous anos pola pandemia, as rúas da cidade olívica volverán ser testemuñas deste multitudinario evento relixioso  

Televisión de Galicia ofrece este domingo, en directo, a Procesión do Cristo da Vitoria desde Vigo

Santiago, 4.8.2022.-  As cámaras da Televisión de Galicia situaranse este domingo en Vigo para transmitir, en directo, a Procesión do Cristo da Vitoria, que sairá, ás 19.30 horas, da concatedral de Santa María. Moncho Lemos comentará o evento para a canle pública, apoiado por Alberto Cuevas, párroco da Nosa Señora da Soidade.

A Procesión do Cristo da Vitoria retoma a súa celebración este primeiro domingo de agosto, despois de dous anos de suspensión por mor da pandemia, e regresa ao grande coas actuacións da soprano Begoña Salgueiro, ao seu paso polo Berbés, e dunha serie de corais polifónicas, no remate do percorrido na Porta do Sol.

Tamén cómpre salientar que, nesta ocasión, Manuel Manquiña, un dos actores máis queridos de Galicia, con numerosas intervencións en producións audiovisuais da TVG, será quen porte o estandarte.

A TVG ofrecerá o percorrido completo da talla, así como a agardada afluencia multitudinaria que concita en Vigo este acto relixioso, tradicionalmente relacionado coa vitoria sobre as tropas napoleónicas que invadiron a cidade no 1809.