CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sandro Giacobbe, lenda viva da canción melódica italiana, visita esta noite o programa 'Bamboleo'

06/08/2022

Á festa unirase o artista Rubén de Lis e a orquestra Acordes, que leva máis de 30 anos no mundo da verbena

 

 

Sandro Giacobbe, lenda viva da canción melódica italiana, visita esta noite o programa 'Bamboleo'

Santiago, 6.8.2022.- ‘Bamboleo’ (22.00 h) contará hoxe coa presenza dunha auténtica lenda viva da canción melódica italiana, Sandro Giacobbe. Autor de éxitos como ‘Señora mía’ ou ‘El jardín prohibido’, Sandro compartirá con Xosé Manuel Piñeiro e os seus colaboradores unha nova edición do programa. O artista xenovés fíxose famoso internacionalmente na década dos 70 con cancións en italiano e en castelán, que se converteron en historia da música. Giacobbe interpretará éxitos e sinxelos novos, en que compartirá escenario coa súa compañeira, Marina Peroni.

Á festa unirase Rubén de Lis, artista de Gondomar que estará interpretando ‘Vén a Santiago’, un tema que foi elixido himno do Encontro Europeo de Mozos organizado pola Conferencia Episcopal Española. Pola súa parte, a orquestra Acordes, unha formación que leva máis de 30 anos no mundo da verbena, encherá o estudio de ritmos actuais.

Na sección de baile profesional, o ‘Dirtidansi’, estarán Adriá e Juline, unha das parellas máis premiadas en baile deportivo na modalidade de latinos. Farán dúas elegantes exhibicións de jive e chachachá.

Patri Rodríguez e Isabel Rodríguez serán as protagonistas do ‘Agora ou nunca’. Cantarán ‘No puedo vivir sin ti’, de Los Ronaldos, e ‘Cómo han pasado los años’, de Rocío Dúrcal.

En ‘A jrileira’ competirán o Club Ciclista Riders Team de Ourense e o Club do Mar de Mugardos. Farano cantando e adiviñando intérpretes. Finalmente, coa ‘ITV do amor’ chegará a sección máis atrevida do programa e tamén o momento en que os colaboradores Isi, Damián, Tamara e Javi Varela afíen a lingua para gozar do concurso.