CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Ás portas da súa agardada participación en Eurovisión, Blas Cantó acode este sábado ao programa 'Bamboleo'

01/05/2021

O espazo de entretemento familiar da TVG contará tamén coas actuacións da orquestra París de Noia e da cantante redondelá Sheila Patricia

Ás portas da súa agardada participación en Eurovisión, Blas Cantó acode este sábado ao programa 'Bamboleo'

Santiago, 01.05.2021.-  Coma cada sábado, ‘Bamboleo’ (22.00 h) acudirá puntualmente á súa cita na Televisión de Galicia e nesta ocasión Xose Manuel Piñeiro recibirá a visita dun artista que está ás portas da súa esperadísima participación no Festival de Eurovisión: Blas Cantó. O que fora vocalista do grupo Auryn iniciou unha frutífera carreira en solitario á que sumará a representación de España no festival da canción europea coa canción ‘Voy a quedarme’. Blas Cantó falará das emocións que se lle presentan de cara a esta grande oportunidade musical e, ademais do tema eurovisivo, interpretará outras cancións, entre elas o éxito ‘Él no soy yo’.

O espazo de entretemento familiar contará tamén coas actuacións da orquestra París de Noia, que presentará o seu novo proxecto, titulado ‘A Xira do Camiño’. No que a artistas galegos se refire, a cantante redondelá Sheila Patricia traerá o seu sinxelo ‘Maneo de Caión’, un tributo á historia da muller labrega.

Karla Lima e Coralie Bouzera serán as participantes do ‘Agora ou Nunca’, onde interpretarán dous temazos: ‘Stop’, de Sam Brown, e ‘Notre Idylle’, da francesa Jennifer. Así mesmo, haberá tempo para o baile, nesta ocasión serán dúas exhibicións de baile deportivo por parte de David e Denisse, representantes de España en diversos campionatos internacionais.

No karaoke de ‘A Jrileira’, Mari estará representando o Club de Remo Olímpico do Mandeo, de Bergondo, mentres que Róber participará polo Club de Piragüismo Cambados. Cantarán o tema ‘Ahora te puedes marchar’, de Luís Miguel, e sumarán puntos adiviñando intérpretes de cancións. Finalmente, na ‘ITV do Amor’, unha persoa do público terá que acertar cal é a verdadeira parella de Adri a partir das respostas dos seus posibles mozos: Javi, David e Érik.

Por suposto, estarán facendo festa ‘os que faltaban’: os colaboradores do programa Tamara Pérez e Claudio Pan, xunto con Isi, Damián Cortés e Javi Varela.