CRTVG viva
Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, premio Paraugas Honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia
O galardón recoñece a traxectoria da xornalista galega e primeira muller directora da Televisión de Galicia
A xunta directiva do Clúster recoñece tamén a figura do publicista Luis Bassat, referente internacional en márketing e comunicación

Ferrol, 03.11.2023.- Os Premios Paraugas, cuxa entrega de galardóns terá lugar o vindeiro 17 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, recoñeceron co seu galardón honorífico a xornalista Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, quen se converteu, no 2009 na primeira muller en ocupar o cargo de directora da Televisión de Galicia. O catalán Luis Bassat, un dos grandes referentes internacionais no eido publicitario, recibirá tamén un Premio Honorífico no marco da mesma edición dos galardóns.
A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.
En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017 foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.
Pola súa banda, Luis Bassat (Barcelona, 1941) é un dos publicistas españois máis reputados e recoñecidos do panorama internacional. É o fundador e foi o presidente do Grupo Bassat Ogilvy de España, co-presidente e director creativo de Ogilvy Europa, África e Oriente Medio.
Premios Paraugas
A nova xunta directiva do Clúster da Comunicación de Galicia, con Alberto Garnil como presidente, presenta unha oitava edición dos Premios Paraugas renovada e con múltiples novidades. Os premios manteñen o obxectivo co que foron creados: poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia, a través dunha convocatoria con seis categorías nas que se enxalzarán proxectos de impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación e eventos. Dúas das novidades máis destacadas desta edición son a creación de dous premios especiais: o Premio Paraugas de Ouro, que recoñecerá a candidatura máis destacada da edición, e o Premio Premio Paraugas Novos Talentos, co que se visibilizará o talento das novas xeracións.