CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Reunión en Compostela da directiva das televisións rexionais europeas agrupadas en Circom

11/11/2012

Unha trintena de executivos procedentes de todo o continente levarán a cabo a semana que vén unhas xornadas de traballo con vistas a preparación da Conferencia Anual do próximo ano en Santiago

Reunión en Compostela da directiva das televisións rexionais europeas agrupadas en Circom

Santiago, 11.11.2012.- Os máximos representantes de Circom Regional (Asociación Europea de Televisións Rexionais), organismo que abrangue 260 estacións de televisión de 34 países europeos, terán un encontro na capital galega os próximos días venres 16 e sábado 17 do presente mes de novembro, organizado pola CRTVG.

Baixo a dirección de Jacques Briquemont, presidente de Circom Regional, e sendo vicepresidente Fernando R. Ojea, director de Comunicación do ente público galego, unha trintena de executivos do Comité Executivo e do Consello Europeo de Circom xuntaranse na Facultade Comunicación da USC co obxectivo de ultimar preparativos para a celebración da 31ª Conferencia Anual que terá lugar tamén en Santiago do 9 ao 11 de maio de 2013 e ao que se espera que asistan uns 300 delegados de todo o continente.

Na axenda de traballo das reunións dos vindeiros días abordarase o futuro contido do congreso, no que están previstos debates sobre a importancia da televisión pública rexional no ámbito de Europa, especialmente nas actuais circunstancias económicas, e sobre as implicacións deste feito nos eidos da produción televisiva, no xornalismo ou no espallamento das novas tecnoloxías. Ademais, na reunión preparatoria desta semana os directivos abordarán proxectos de coproducións, cooperación, actividades de formación e un estudo sobre a dimensión da televisión rexional.

Os directivos que acudirán a Santiago proceden dunha vintena de países asisten ás reunións deste importante evento que está organizado pola Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), en colaboración coa Universidade de Santiago (USC), o Concello e a Xunta de Galicia.

A CRTVG será anfitrioa principal da Conferencia Anual do próximo ano, en que participarán como entidades colaboradoras a Universidade de Santiago, o Concello compostelán e a Xunta de Galicia. A organización do evento foille asignada ao ente público galego durante o anterior congreso, que tivo lugar o pasado maio en Malmö (Suecia) e onde a TVG levou un dos prestixiosos galardóns Prix Circom á mellor ficción europea pola serie “Matalobos”.

Na foto superior, Jacques Briquemont e Rosa Vilas, directora da TVG, tras recoller o premio Prix Circom, o mes de maio pasado en Malmö.