CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Rebeliom do Inframundo trae ao ‘Galicia emerxe’ da G2 as súas letras combativas e o seu directo enérxico

25/08/2021

O grupo de rap ponteareán comezou a súa traxectoria en 2005 e está formado por Nervo, Malvares de Moscoso, Frank, Movementss e dj Pol

Rebeliom do Inframundo trae ao ‘Galicia emerxe’ da G2 as súas letras combativas e o seu directo enérxico

Santiago, 25.08.2021.- O grupo ponteareán de rap en galego Rebeliom do Inframundo sobe esta noite o escenario do ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’, a partir das 23.20 h. A G2 achegará as propostas desta banda, que comezou a súa traxectoria en 2005 e está formada por Nervo, Malvares de Moscoso, Frank, Movementss e dj Pol.

Co rap insubmiso como bandeira, Rebeliom do Inframundo traerá nesta ocasión novos temas e unha escolma dalgunhas das cancións que recolle nos tres discos que ten editados, a través dun dos directos máis enérxicos do panorama musical galego.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.