CRTVG Viva
Radio Galega Música arranca temporada cunha fórmula de acompañamento ao oínte no seu día a día
Ofrece 24 horas ininterrompidas de música con bloques temáticos enfocados a cubrir a xornada, desde o ‘Espertador’ á sobremesa e á volta do traballo
Volve Emilio Espadañero, á fronte do programa máis veterano da radiodifusión en Galicia destinado á música e folk tradicionais do país, ‘Lume na palleira’

Santiago, 11.09.2023.- Radio Galega Música arranca nova temporada, co regreso de Emilio Españadero á fronte de ‘Lume na palleira’, o programa máis veterano da radiodifusión en Galicia dedicado á música folk, e 24 horas de emisión, sen interrupcións publicitarias. RGM ofrece unha fórmula melódica estruturada en grandes bloques e enfocada ao acompañamento do oínte nas súas tarefas cotiás, comezando co ‘Espertador’, seguindo coa música de sobremesa e para o traballo, e rematando coa volta a casa e as noites temáticas de ‘Tarde que tarde’. Os oíntes gozarán da mellor combinación de novidades, música galega e grandes éxitos dos anos oitenta en diante.
Desde as 7:00 ata as 9:00 h, na súa sección 'Espertador', a emisora pública abrirá o día con ritmos e estilos propios do comezo de xornada. De 9:00 a 14:00 h, programará sons enfocados a converterse na banda sonora das actividades laborais. Á hora de xantar e primeiro tramo da tarde, as emisións continuarán cunha selección melódica uniforme, con temas de corte máis relaxado e cadencioso. No tramo de 18:00 a 22:00 h, prestarase atención aos condutores que deixan o traballo, coa fórmula ‘RGM na túa volta á casa’ e unha selección musical tranquila, sen estridencias e con calidez.
Ademais, a emisora pública combinará a radiofórmula cos programas de autor creativos, orixinais e especializados en distintos xéneros musicais. Os espazos de prescrición musical ocuparanse dos distintos xéneros, cun tratamento en profundidade de distintos temas, entrevistas, presentacións, voces de protagonistas, recomendacións e tendencias, comezando ás 22:00 h o bloque ‘Tarde que tarde’, que desenvolverán os grandes locutores de RGM.
Os luns, Óscar Losada conducirá ‘Raizame’, ocupándose das músicas do mundo e a listaxe World Music Charts Europe. Tomará a remuda os martes Charli Domínguez, co ‘Lobo urbano’, para facer gozar aos apaixonados e apaixonadas do rock.
Os mércores ‘Cara B’, con Manu de Lorenzo, recollerá grandes anécdotas da música e, os xoves, Eladio Santos e o seu equipo, achegaranlles aos oíntes o mellor indie galego en ‘Ondas indies’. A semana laboral rematará con música de raíz afroamericana e as ‘Notas de jazz’ de Xabier Facal.
Os domingos, RGM arrancará a xornada ás 10:00 h, con ‘Concerto popular’, en que as bandas de música de Galicia toman o protagonismo; de 15:00 a 17:00 h, Emilio Españadero recollerá a mellor música tradicional e folk galego en ‘Lume na palleira’, e, posteriormente, de 17:00 a 19:00 h., Guillerme Fernández e Xabier Díaz conducirán ‘Tres peixes voando’, un espazo que combina música galega e sons de todo o mundo.
Cerrarán a noite do domingo, ‘A lista negra’, con Eduardo Herrero, que se ocupará desde as 22:00 h do mellor blues, e ‘Allegro moderatto’, xa ás 23:00 h, con música clásica.