CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Xabarín Club, premio Rebulir da Cultura Galega 2021

27/07/2021

O espazo da TVG foi galardoado na categoría de Artes Escénicas pola súa contribución á normalización lingüística e á difusión da cultura galega

Xabarín Club, premio Rebulir da Cultura Galega 2021

Santiago de Compostela, 28.07.2021.- O espazo da TVG,  ‘Xabarín Club’, foi galardoado  co Premio Rebulir da Cultura Galega. Premiado na categoría de Artes Escénicas pola súa contribución á normalización lingüística e á difusión da cultura galega, este veterano espazo da Televisión de Galicia recolle series de animación, de produción galega e produción allea, dobradas ao galego. Nesta edición tamén foron galardoados o músico Xabier Díaz, na categoría de Música Galega, pola súa traxectoria no eido da música tradicional, e Anxo Angueira, filólogo, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, na categoría Homenaxe, pola súa contribución á literatura galega. 

Os Premios Rebulir da Cultura Galega, outorgados pola Asociación Cultural Rebulir de Ramirás (Ourense), recoñecen desde 2012 a persoas e colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións, defenden e promoven a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. A entrega dos galardóns terá lugar no mes de de decembro.  

Baixo o contedor  ‘Xabarín Club’, a programación infantil ocupa, os sete días da semana, unha parte significativa na segunda canle da TVG, estruturada en bloques compatibles cos horarios escolares. Nútrese dunha gran variedade de títulos de animación de distintas procedencias. Entre as súas recentes incorporacións atópanse o programa de produción propia ‘A pita cega’, adaptación do formato en lingua bretoa Mouchig Dall da FR3 Bretaña, e a serie revelación do 2020: ‘Miracle Tunes’, con contidos live action, de imaxe real, unha adaptación para Europa da serie xaponesa do mesmo nome, que combina música e baile e unha estética futurista destinada ao público prexuvenil e cun marcado carácter de apoderamento feminino. 

O ‘Xabarín Club’ púxose en antena o 18 de abril de 1994 e axiña se converteu nun fenómeno social en Galicia, chegando a contar nos anos 90 con máis de 100.000 rapaces afiliados. A maiores da oferta na TDT os contidos infantís están accesibles tamén a través das catro canles dixitais existentes: a App Xabarín TVG, con contidos galegos e universais para consumo baixo demanda; a App da CRTVG na súa sección infantil; a web da CRTVG na súa canle Xabarín TV, que inclúe xogos interactivos como os de Tutú, e a canle musical Radio Picariña, única do seu xénero e que inclúe unha oferta a día de hoxe de 1.100 cancións para nenos en lingua galega e con preto de 10.000 usuarios.