CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Premio Platino de Cine Iberoamericano para as películas 'Akelarre' e 'A Galiña Turuleca', participadas pola TVG

05/10/2021

Foron recoñecidas cos galardóns á mellor música orixinal e á mellor película de animación, respectivamente, que se suman aos Goya conseguidos por ambos os dous filmes

Premio Platino de Cine Iberoamericano para as películas 'Akelarre' e 'A Galiña Turuleca', participadas pola TVG

Santiago, 05.10.2021.-    As películas ‘Akelarre’ e ‘A Galiña Turuleca’, ambas as dúas participadas pola TVG, suman un novo galardón, xa que foron recoñecidas nos Premios Platino de Cine Iberoamericano coas estatuas á mellor música orixinal e á mellor película de animación, respectivamente.

A entrega dos galardóns desta sétima edición tivo lugar o 3 de outubro no recinto feiral IFEMA de Madrid, onde Juana Acosta e Luis Gerardo Méndez foron os encargados de presentar esta gala, que recoñece o mellor das industrias audiovisuais dos 23 países iberoamericanos.

Aránzazu Calleja e Maite Arroitajauregi asinan a música orixinal de ‘Akelarre’, película dirixida por Pablo Agüero e gañadora de cinco galardóns na última gala dos Premios Goya. Ademais, chegou a ser a terceira película máis vista do mundo na plataforma Netflix e acaba de estrearse en Francia, onde xa a viron 50.000 espectadores. Con Álex Brendemühl e Amaia Aberasturi como protagonistas, o filme remóntase ao século XVII, cando un xuíz cuxa misión é purificar a rexión dunha pequena aldea de Navarra arresta varias mulleres, acusándoas de bruxería e facendo todo o necesario para que estas confesen.

Pola súa parte, ‘A Galiña Turuleca’ volveu en 2020 ás pantallas convertida en personaxe de animación e con numerosos e coñecidos temas musicais. Dirixida por Víctor Mingote e Eduardo Gondell, a película conta unha entrañable historia sobre unha galiña cun aspecto peculiar e un don moi especial. Ademais deste galardón nos Premios Platino,  xa fora recoñecida co Goya á mellor película de animación e a Medalla CEC á mellor longametraxe animada.