CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Pesar polo pasamento de Ana Kiro

24/09/2010

A CRTVG traslada o seu pesar e amosa a súa condolencia polo falecemento de Ana Kiro, artista cuxa traxectoria persoal e musical ten unhas fondas e fortes raíces nos medios de comunicación públicos galegos, onde desenvolveu as súas facetas como actriz, cantante e presentadora. Tanto na Televisión de Galicia como na Radio Galega, a artista deixou a pegada dunha grande calidade humana e dun talento profesional que fixeron posible que Ana Kiro quede xa para sempre no

Pesar polo pasamento de Ana Kiro

Na súa memoria, a TELEVISIÓN DE GALICIA está a realizar desde esta mañá unha completa cobertura desde Mera, lugar de residencia da cantante de Arzúa e localidade onde está instalada a capela ardente, e desde Castañeda, a aldea onde naceu, para dar cumprida conta nos seus espazos informativos das declaracións e das persoas que se acheguen a dar o último adeus á artista.

O espazo “Luar” tamén quererá amosar o seu sentido agarimo a Ana Kiro, ofrecendo esta noite un programa especial en que recuperará momentos da súa extensa carreira profesional e intervirán algúns dos seus amigos máis coñecidos, como Xil Ríos, Sabela, Pili Pampín, Farruco, Xosé Luís Blanco Campaña e Piñeiro. O público tamén poderá manifestar o seu parecer vía telefónica no transcurso do programa.

O sábado pola noite, ás 22.00h, emitirase un programa especial, onde os seguidores da TVG poderán ver a última entrevista que concedeu Ana Kiro á canle pública galega. Realizada o pasado 15 de xullo, no seu domicilio de Mera e na compaña de seu home, a artista arzuá fai un percorrido pola súa vida persoal e profesional; polas etapas que máis a marcaron como persoa, o seu paso por Barcelona, a súa faceta como cantante en romarías, a súa actividade na televisión ou a súa vivencia coa enfermidade.

Tras a emisión desta entrevista próxima, a Galega lembrará a gala homenaxe que os medios públicos lle desenvolveron en 1996 a “Toda Unha Vida”. Desde o Pazo de Congresos da Coruña, verase á artista narrando anécdotas dos seus inicios e cantando con personaxes coñecidos como José Guardiola, Salomé, Xosé R. Gayoso e coas corais de Mera e Arzúa. A súa familia e amigos, como Conchita Bautista, Mari Fe de Triana e Antón Reixa, tamén falan agarimosamente sobre ela.

A RADIO GALEGA LÉMBRAA NA SÚA PROGRAMACIÓN

Desde que se coñeceu a noticia da morte da cantante Ana Kiro, a RADIO GALEGA puxo en marcha unha programación especial sobre a figura da artista, dedicada a recoller o fatal desenlace cos primeiros instantes de gran condolencia en toda Galicia pola morte dunha das cantantes máis queridas e recoñecidas do panorama musical.

De 13.30 a 14.00h, a Radio Galega abriu un especial para recoller as primeiras reaccións da xente e de persoeiros moi achegados á artista, como o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso; Xosé Manuel Piñeiro, Xosé Ramón Gayoso, Pili Pampín, Marcos Orsi e Xosé Luís Blanco Campaña, e tamén para recordar diversas declaracións realizadas para a RG pola que foi considerada raíña da canción popular galega.

Ao fío desta programación especial que a Radio Galega vai incorporando durante toda a xornada, o espazo “A Crónica” das 14.00h ofrece diversos cortes informativos sobre a lutuosa noticia, ata chegar ao espazo “Diario Cultural”, das 15.00h, que dedica parte do seu tempo á figura da artista. O programa “A Tarde”, de 16.00 a 19.00 horas, convértese nun monográfico sobre Ana Kiro, con intervencións do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e de Víctor Freixanes, entre outros.

Amais, ao longo da tarde, un equipo da Radio Galega permanecerá durante toda a xornada en Mera, para dar conta das visitas, testemuños e sinais de condolencia de todo o pobo galego. O sábado tamén informará de todo o que aconteza nesta localidade.

Dende a web pódense visualizar e escoitar momentos de Ana Kiro como artista nos seguintes enlaces:

 

Dende a web pódense visualizar e escoitar momentos de Ana Kiro como artista nos seguintes enlaces:

Toda unha vida (04/05/1996)

Tardes con Ana (1998) (16/03/1998)

Tardes con Ana (2000) (09/10/2000)

Máis información:

Faleceu Ana Kiro, símbolo da canción galega

Adeus a Ana Kiro, a raíña da canción en Galicia

Apágase a voz de Ana Kiro a musa das romerías e festas galegas

Amigos e compañeiros de Ana Kiro amosan as súas condolencias

Adeus a Ana Kiro