CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Paloma San Basilio, Agoney e Touriñán traen música e diversión a 'Luar' esta noite

22/10/2021

O musical continuará lembrando este venres a poboación da Palma tamén con Los Granjeros de Montaña como convidados

Paloma San Basilio, Agoney e Touriñán traen música e diversión a 'Luar' esta noite

Santiago, 22.10.2021.-  A illa da Palma segue moi presente esta noite en ‘Luar’ (21.55 h) a través da súa música. Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández darán comezo ao programa cantando a coro o tema folclórico ‘Palmero sube a la palma’, co grupo de recanteiros e coa agrupación de música canaria Los Granjeros de Montaña. Dita formación tamén interpretará a dúo con Agoney algunha das súas ‘isas’ populares.

O cantante, músico e compositor canario, que saltou á fama tras a súa participación en Operación Triunfo, presentará esta noite o seu novo sinxelo ‘Quien pide al cielo por ti’, co que Agoney cambia de estilo totalmente respecto ao seu álbum debut ‘Libertad’, todo un éxito en ventas en España, e aposta por un son oitentero, fresco e con forte presenza de sintetizadores e teclados.

Outra das artistas destacadas desta edición será Paloma San Basilio, a popular cantante e actriz, con máis de 16 millóns de discos vendidos na súa prolífica carreira, regresa a ‘Luar’ con algúns dos seus temas de máis éxito.

Nesta edición de ‘Luar’, dedicada á comarca lucense da Mariña central, contarase coa música tradicional de Cabo Verde, que propoñen as 24 mulleres caboverdianas de Batuko Tabanka, grupo formado en Burela, e coas actuacións da Orquestra Principal, formación con sede en Mondoñedo.

O elenco artístico completarase coa proposta musical de Manuel Manquiña, da agrupación folclórica Soalleira de Dorrón, e da banda de gaitas O Son do Castro, de Borneiro (Cabana de Bergantiños).

Este venres volverá traer o mellor humor Manuel Eduardo Ponteceso, personaxe que interpreta Xosé Antonio Touriñán, todo un experto en televisión en prácticas, que busca novas ideas para ‘Luar’. Esta noite realizará a súa proposta na compaña de Ángela, María José e Joaquín, tres espectadoras que contactaron por teléfono co programa a semana pasada para falar sobre oficios perdidos...

No concurso ‘Recantos’ hoxe enfrontarase Montse, de Terras de Pontevedra, con David Gallego, de Ourense oriental. O xurado estará integrado, nesta ocasión, por Laura Añón, da orquestra Finisterre, Paloma San Basilio e Manuel Andrade. E no concurso telefónico estarán en xogo 3.500 euros.