CRTVG Viva
'Motel Valkirias' chega á TVG o 6 de marzo, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres ao límite
Este mércores celebrouse a preestrea en Santiago, coa asistencia do elenco e de caras coñecidas da canle e do audiovisual galego e portugués
A serie é unha nova coprodución internacional en que participan a RTP e SPI portuguesas e a TVG e CTV galegas
‘Motel Valkirias’ consta de 8 episodios de 50 minutos, e o primeiro capítulo emitirase no prime time do vindeiro luns ás 22:40 h

Santiago, 01.03.2023.- A nova serie da TVG ‘Motel Valkirias’ celebrou este mércores a súa preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, cun evento ao que asistiu o equipo artístico e técnico desta nova coprodución internacional, ademais de autoridades e directivos de TVG, RTP, CTV e SPI. ‘Motel Valkirias’, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite, está protagonizada por María Mera (Infiesto, O sabor das margaridas), Marina Mota (Para sempre, Quer o destino), Maria João Bastos (A Rainha e a Bastarda, Amor, amor), e o gañador dun Goya Chechu Salgado (Las leyes de la frontera, Fariña).
As actrices e actores protagonistas María Mera e Chechu Salgado, xunto con Tomás Alves, Alba Loureiro, Machi Salgado, Miro Magariños, Yelena Molina, Vicente Mohedano, Josito Porto e Neves Rodríguez, posaron no photocall de forma previa á proxección do primeiro capítulo da serie, que consta de 8 episodios de 50 minutos. O primeiro capítulo emitirase no prime time da TVG do luns, 6 de marzo (22:40 h).
O creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, explica que non fixeron unha serie para o algoritmo, senón para as persoas. “En CTV, cremos máis na calidade que no éxito. ‘Motel Valkirias’ fala da vida e de como, ás veces, necesitamos fuxir dela. É un drama fronteirizo, situado entre Galicia e Portugal, que ten un toque de western. Apostamos por unha trama, cociñada a lume lento, na que tres mulleres loitan por recuperar o control das súas vidas, mentres forxan unha grande amizade”, sinalou.
Pola súa parte, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, salientou a "aposta da Televisión de Galicia pola ficción de calidade e polo talento desde Galicia. Con 'Motel Valkirias' reforzamos o apoio sostido da TVG ao sector audiovisual galego e á vez abrimos mercados coa industria portuguesa, nunha nova coprodución entre ambos países, que xa acadaron e exportaron grandes éxitos de ficción a outras canles e plataformas dixitais nestes últimos anos".
A estrea contou coa presenza do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o director da RTP1, José Fragoso; o director de CTV, Xosé Arias; o produtor executivo da produtora e creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, e tamén asistiron o administrador do grupo SP Televisão, Jorge Marecos; o responsable de Negocios e Coprodución de SPi, Manuel Claro, o administrador e CFO desta produtora, Pedro Rosa, e a directora de Comunicación e Markéting da RTP, Marina Ramos.
Equipo e sinopse
Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os directores desta ficción, que conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria integrado por Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias, Alba Araújo, Patrícia Müller, Manuel Gancedo e Manuel Darriba. A serie é unha coprodución entre CTV e SPi, España e Portugal, coa participación de TVG, RTP, o apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre.
No ‘Motel Valquirias’ a vida de tres mulleres con grandes problemas persoais e económicos crúzase, de maneira fortuíta, cando coñecen a Elixio, un cliente que transporta unha mercadoría valiosa. Así é como Lucía, unha nai que foxe do seu exmarido; Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a dona dun motel en bancarrota, se unen nun plan que consiste en encontrar o misterioso botín de Elixio. O que non saben estas tres mulleres é que a súa vida corre perigo porque a mercadoría pertence a unha banda perigosa que se dedica ao branqueo de cartos: os Mendonça. Un clan que non dubida en ir tras elas para recuperar o que é seu, custe o que custe.
‘Motel Valkirias’ está ambientada nun espazo singular: un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido do progreso. Un limbo onde as normas se suspenden e onde todo pode pasar. É neste marco no que se sitúa a trama da serie, no que a modo de dramedia se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.
Televisión de Galicia remata febreiro cun 10,7% de audiencia
A canle segue superando neste 2023 a media do ano pasado e mantense líder en informativos
No prime time, a faixa máis competida do día, a Galega segue un mes máis por riba dos dous díxitos, cun 10,5 %

Santiago, 01.03.2023.- Televisión de Galicia pechou o mes de febreiro cunha cota media do 10,7 % e cun 10,5 % no prime time, a franxa de máis consumo do día, e segue tamén líder en informativos en Galicia, segundo se desprende dos datos do medidor independente Kantar Media.
A programación informativa máis vista no ámbito de Galicia segue a ser a da TVG, cunha audiencia total de preto 1.500.000 galegos maiores de catro anos e nun segmento no que medrou a audiencia neste mes febreiro dos informativos matinais ‘Bos Días’, e ‘A Revista'.
No ámbito das canles autonómicas, a TVG segue a ser un dos motores da FORTA, ao superar este grupo en 1,9 puntos no conxunto do mes. E no prime time, a TVG supera a media do grupo en 1,2 puntos.
Por días da semana, salientan as medias superiores á acadada no conxunto do mes nas xornadas do luns (10,8 %), martes (11,1 %), xoves (11,5 %) e venres (12,4 %), día que aumenta en 1,2 puntos respecto ao mes pasado. E tamén no prime time cómpre salientar as cotas dos martes (10,5 %), xoves (10,9 %) venres (12 %), sábados (11 %) e domingos (10,7 %).
O arquivo da CRTVG, peza imprescindible da programación especial das Letras Galegas 2023
Fará posible escoitar e ver a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado, en entrevistas e documentais que se difundirán en televisión, radio e canles dixitais
A presentación dos actos institucionais tivo lugar este venres en Santiago

Santiago, 24.02.2023.- A CRTVG vai amplificar e divulgar a celebración do Día das Letras Galegas 2023 cunha completa programación en televisión, radio, canles dixitais e cunha campaña institucional no mes de maio para celebrar o autor homenaxeado este ano, o tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.
A presentación dos actos oficiais e institucionais arredor desta data tivo lugar este venres nun acto en que participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López. Nas súas intervencións, debullaron un completo programa dos ámbitos literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar.
A Radio Galega, no foro 'O presente da radio', de FORTA
O coordinador de medios da emisora, Modesto Pena, fará balance das capacidades e actuacións do estudio multimedia da RG, e a xefa de Programas, Tania F. Lombao, intervirá no coloquio ‘Contidos da radio actual’
O simposio, este xoves e venres en Toledo, reúne profesionais da radio en España para analizar o momento actual do medio e as tendencias que marcarán o seu futuro

Santiago, 22.02.2023.- A Radio Galega participa esta semana no foro ‘O presente da radio’, organizado pola Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) en Toledo, que analizará a situación actual e as tendencias de futuro deste medio. A xefa de Programas da RG, Tania F. Lombao, e o coordinador de medios, Modesto Pena, intervirán o xoves nas mesas redondas ‘Contidos da radio actual’ e ‘Os medios técnicos da radio de hoxe’, respectivamente.
Modesto Pena explicará e fará balance das actuacións máis salientables realizadas no estudio multimedia da emisora pública galega, estreado en marzo de 2022 e co que a CRTVG fortaleceu a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet. Exporá tamén os principais desenvolvementos e automatizacións postos en marcha neste estudio, desde o cal a RG emite, en directo, o 80% da súa programación.
Pola súa parte, Tania F. Lombao conversará sobre o artellamento das programacións en FM e os novos formatos, especialmente coa produción de contidos multicanle para o eido dixital, e exporá a experiencia de RadioGalegaPodcast.gal ou dos videopodcasts. RG emite xa programas radiofónicos híbridos como ‘A Bóla Extra’, ‘Pensando en Ti’ ou espazos de faladoiro político, en simultáneo na primeira e segunda canle da TVG. E a escoita en streaming a través dos medios dixitais de RG incrementouse nun 17% en 2002 respecto do ano anterior.
Este simposio da FORTA ten lugar nun momento clave para a industria radiofónica, como testemuña o incremento da audiencia dun medio que é escoitado regularmente por máis de 31 millóns de españois, segundo a terceira onda do EXM do ano pasado. A FORTA pretende que este foro resalte “a importancia para a sociedade deste medio como cohesionador e canalizador do discurso democrático”.
A película infantil 'Valentina', participada pola TVG e gañadora dun Premio Goya, estréase nos cinemas de Francia
A aclamada actriz Laetitia Casta e Jeanne Métivier poñen voz na dobraxe francesa aos personaxes do filme, que quere dar visibilidade á síndrome de Down, coincidindo co seu Día Mundial

Santiago, 21.02.2023.- A película de animación ‘Valentina’, participada pola Televisión de Galicia e gañadora do Goya á mellor película de animación 2022, estréase mañá nos cinemas franceses, coas actrices Letitia Casta e Jeanne Métivier como voces dos personaxes principais. A estrea coincide co Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra hoxe, cuestión á que o filme quere dar visibilidade. Ademais, este ano Valentina será a protagonista da campaña de sensibilización en Francia ‘Con nós, para nós!', en que a personaxe de animación levará os calcetíns desemparellados como símbolo do diferente.
As películas 'Matria' e 'Sica', participadas pola Televisión de Galicia, chegan á Berlinale
A ópera prima de Álvaro Gago terá este venres a súa estrea mundial na sección ‘Panorama’, mentres que a premiere da longametraxe de Carla Subirana será o domingo, dentro da sección ‘Generation’

Santiago, 16.02.2023.- As películas galegas ‘Matria’ e ‘Sica’, participadas pola TVG, terán a súa estrea mundial na Berlinale, un dos festivais de cinema máis importantes do mundo, que hoxe comeza e que se celebrará ata o vindeiro 26 de febreiro.
‘Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, estrearase este venres e entrará a competición dentro da sección ‘Panorama’. Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que o levou a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.
‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.
Pola súa parte, a produción galego-catalá ‘Sica’, a primeira longametraxe de ficción de Carla Subirana, foi seleccionada na sección ‘Generation’, onde se exhibirá o vindeiro domingo. Trátase dun coming-of-age, xénero que se centra no crecemento psicolóxico e moral do protagonista, que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio.
O filme está protagonizado por Thais García Blanco, veciña da Costa da Morte, onde se rodou a cinta, igual que os tamén debutantes Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Acompáñaos a actriz catalá Núria Prims e o galego Lois Soaxe, canda outros actores non profesionais da zona.
'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso
A audiencia poderá interactuar no estudo do programa no metaverso e ter acceso permanente a contidos exclusivos, sorpresas e sorteos
A Televisión de Galicia foi tamén pioneira en España en aplicar o formato de slow tv, no 2017, ou en ter un espazo, ‘Un país en 360’, que incorporaba a estereoscopía e os 360º nun concepto multiplataforma que se emitiu tamén por YouTube

Santiago, 15.02.2023.- A Televisión de Galicia e os seus espazos seguen a innovar. Por primeira vez en España un programa de televisión crea un club no metaverso no que poderá participar en directo a audiencia. Na emisión do ‘Land Rober Tunai Show’ da Televisión de Galicia deste xoves, no seu programa 300, os espectadores poderán acceder a un código QR que aparecerá na pantalla para, cubrindo un pequeno formulario, converterse en socios deste pioneiro club que os leva directos ao metaverso do ‘Land Rober’, co que o mundo virtual se fusiona co real nun clic.
A Radio Galega ofrece desde este luns as obras premiadas na última edición do certame Escoitamos Teatro, da Fundación SGAE
O Diario cultural emitirá ata o 21 de febreiro as dramatizacións radiofónicas dos textos inéditos de Julio Fernández Peláez, Begoña García Ferreira, Carlos Labraña e Carlos Losada, que tamén estan dispoñibles en RadioGalegaPodcast.gal
Creado en 2022, este galardón pretende fomentar a creación de novos textos teatrais en galego e impulsar o xénero do radioteatro

Santiago, 13.02.2023.- Desde hoxe ata o vindeiro 21 de febreiro, a Radio Galega abre a súa programación á creación teatral contemporánea divulgando as dramatizacións radiofónicas das obras premiadas na recente edición de ‘Escoitamos Teatro’, un certame de textos dramáticos breves para radio e podcast convocado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia.
Os textos premiados foron ‘Dez minutos’, da autora Begoña García Ferreira; ‘Catuxa, como eran os encontros en Siria?’, de Julio Fernández Peláez; ‘Fobias’, de Carlos Labraña, e ‘O inevitable’, obra de Carlos Losada. Todas elas foron dirixidas e interpretadas por un elenco profesional e producidas no estudio da Fundación SGAE en Santiago de Compostela.
A radio pública galega emitirá estas obras como parte da programación do ‘Diario Cultural’, espazo de referencia na divulgación das artes escénicas e outras manifestacións culturais. Todas as obras terán tres pases e as gravacións estarán tamén dispoñibles en formato de podcast desde este luns nas plataformas dixitais da Fundación SGAE e da RG (RadioGalegaPodcast.gal).
‘Escoitamos Teatro’ é unha iniciativa do Consello Territorial de SGAE en Galicia para fomentar a creación de novos textos teatrais en galego, impulsar o xénero do radioteatro e apoiar os autores e autoras de SGAE. Creado en 2022, o xurado distinguiu daquela obras de Esther Carrodeguas e Raúl Dans. Nesta segunda edición do certame, un total de catro textos foron premiados entre todos recibidos. Cada un dos autores/as recibiu unha dotación de 200 euros e a difusión múltiple da obra na Radio Galega.
A Televisión de Galicia acada 54 candidaturas aos XXI Premios Mestre Mateo
Optan a Mellor Programa os espazos da TVG ‘Clac’, ‘Dígocho Eu’ e ‘Catro gatos’
A canle pública participa nas catro cintas que compiten a Mellor Longametraxe: ‘O corpo aberto’, ‘Código Emperador’, ‘O home e o can’ e ‘Live is life’
TVG emitirá a gala de entrega dos Mestre Mateo, o 11 de marzo desde Ourense

Santiago, 07.02.2023.- As producións da Televisión de Galicia acadaron un total de 54 candidaturas para a XXI edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, cuxos finalistas se coñeceron este martes. Entre elas destacan os espazos ‘Dígocho Eu’, ‘Clac’ e ‘Catro gatos’ da canle pública, que optan ao galardón a mellor programa de televisión ou os presentadores Esther Estévez, por ‘Dígocho Eu’, e Xose A. Touriñán, por ‘Catro gatos’, que optan a premio no apartado Mellor Comunicador/a.
#DígochoEu estrea o vídeo de Rhome, o segundo finalista do concurso 'Unha canción para Esther'
Este artista emerxente noiés foi seleccionado pola súa canción ‘Río’, que interpreta coa presentadora do espazo, Esther Estévez
Cada mes, a CRTVG está a facer pública unha das pezas que competirán polo premio, cuxo gañador se coñecerá en maio nunha gala musical

Santiago, 02.02.2023.- O espazo de promoción da lingua da CRTVG #DígochoEu estreou hoxe o segundo vídeo do concurso ‘Unha canción para Esther’. Trátase da composición musical ‘Río’, do noiés Rhome, un artista emerxente da música galega que compón temas de corte urbano e que comezou neste mundo de xeito autodidacta. Ademais de a través da TVG, o vídeo musical está accesible na web, na canle de YouTube e nas redes sociais da Galega.
O concurso do #DígochoEu convidou a todo o público da CRTVG a presentar temas que puidese interpretar a xornalista Esther Estévez, ben na súa totalidade ou acompañada do autor, intérprete ou grupo. Tiñan que ser pezas orixinais, escritas en lingua galega, de menos de tres minutos de duración. A lista de finalistas complétana King Kids, cuxa canción se estreou o pasado mes de decembro, Chamaquito Pistolas, Diego de Braelle e Chris Indian + Hydn.
#DígochoEu está a lanzar cada mes un vídeo cos temas finalistas. O gañador de ‘Unha canción para Esther’ coñecerase en maio nunha gala musical. Os cinco finalistas foron seleccionados por un xurado composto polo equipo do #DígochoEu, que valorou a orixinalidade, calidade técnica e acompañamento dun vídeo musical das opcións participantes. A peza gañadora será elixida por un xurado alleo ao programa e farase cun premio de 500 euros. A segunda mellor valorada recibirá 400 €; a terceira, 300 €; a cuarta, 200 €, e a última finalista, 100 €.
#DígochoEu segue medrando
O #DígochoEu, que xa supera os 1.000 capítulos, segue a medrar con novas propostas, como este concurso, que se suma aos II Premios #DígochoEu, un certame escolar de vídeos para alumnos de ciclos de Educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, ou daqueles de fóra da comunidade que impartan lingua galega.
Ademais, este popular espazo da CRTVG ampliou horizontes coa nova sección #DígochoWHAT?!, en que Esther Estévez lles ensina galego a estranxeiros, e con ‘Digochiño’, un novo proxecto que leva a lingua ao público infantil. Un pequeno raposo azul e branco protagoniza este espazo de ficción, guionizado e supervisado polo equipo de lingüistas da TVG, EN que os máis pequenos aprenden galego na G2 e nas canles dixitais, en Instagram e en TikTok. Estreado o 7 de xaneiro, en menos dun mes os vídeos acadaron un millón de reproducións.