CRTVG Viva
Os responsables de contidos da FORTA afianzan alianzas en Galicia
Ata o venres, a CRTVG acolle estas Xornadas FORTA en que se analizan retos e se comparten boas prácticas no eido dos contidos e o entretemento audiovisual
A CRTVG presentou como caso de estudo o #DígochoEU: “Como pasar de 1' en TV a 80 millóns de reproducións”

Santiago, 09.03.2023.- A CRTVG acolle na súa sede de San Marcos as Xornadas FORTA da Comisión de Contidos, que reúnen os responsables de área das canles públicas de toda España. Unha trintena de profesionais asisten ás sesións en que se inscriben charlas e conferencias como “Retos da TV: consumo, contidos e emisión”, que impartiu este xoves Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Autónoma de Barcelona.
Todas as canles representadas nas xornadas participaron compartindo proxectos propios e fornecendo as súas alianzas audiovisuais. Ademais, os asistentes coñeceron experiencias de éxito lanzadas recentemente polas diferentes canles. A CRTVG, na sesión “Contidos dixitais para a xuventude”, presentou como caso de estudo: “Como pasar de 1’ en TV a 80 millóns de reproducións”, en que os xornalistas Carlos F. Amado, director de #DígochoEu, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual, explicaron a estratexia da Corporación para achegarse ao público máis novo con proxectos multicanle, moi próximos á comunidade educativa e no que a participación social é clave. As xornadas rematan mañá venres coa reunión formal da Comisión de Contidos da FORTA.
No transcurso da reunión en Santiago deuse a coñecer o gañador da edición de 2022 do Premio Pello Sarasola ao mellor programa, que obtivo o espazo ‘Quanta guerra!’, da televisión autonómica catalá. Pello Sarasola, quen ocupou postos clave da radiotelevisión vasca, entre outros, e faleceu no 2015, foi o impulsor da colaboración entre as diferentes canles autonómicas.