CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os programas 'Convivir Deportivo' e 'Mar de Ardora' ofrecen en directo esta semana a través das canles dixitais da RG as súas visitas a Boimorto e Ponteceso

18/10/2021

O espazo presentado por Alfonso Pardo grava este luns un programa de homenaxe a Ánxeles Barreiro, unha das mellores atletas galegas da historia, e o xoves o protagonista será o xogador de fútbol praia Ramiro Amarelle

Xusto López Carril conducirá o 21 de outubro unha edición especial de ‘Mar de Ardora’ centrada na tradición mariñeira de Corme

Os programas 'Convivir Deportivo' e 'Mar de Ardora' ofrecen en directo esta semana a través das canles dixitais da RG as súas visitas a Boimorto e Ponteceso

Santiago, 18.10.2021.-    A Radio Galega continúa afondando na súa estratexia de conectar cos novos xeitos de consumo a través das diferentes plataformas e esta semana ofrecerá en directo polas súas canles dixitais -radiogalega.gal e a aplicación móbil da CRTVG- a realización de tres novos programas que posteriormente se ofrecerán a través das ondas.

Un deles é ‘Convivir Deportivo’, presentado por Alfonso Pardo, que este luns, a partir das 13.00 h, gravará en Boimorto un programa de homenaxe a Ánxeles Barreiro, unha das mellores atletas que deu Galicia e a primeira muller que superou os 60 metros en lanzamento de disco. Grazas a ela internacionalizouse esta disciplina, xa que ata a súa irrupción as marcas eran moi discretas. Olímpica en Barcelona 92, leva máis de dez anos loitando contra o párkinson.

Ánxeles estará acompañada de parte da súa familia, do seu adestrador e descubridor, Raimundo Fernández, e do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

O xoves 21 de outubro, ás 19.00 h, ‘Convivir Deportivo’ repite saída e emisión en directo polas canles dixitais da Radio Galega. Nesta ocasión, o destino será Ponteceso, onde se falará dos seus clubs de fútbol e de fútbol praia. O programa estará dedicado a Ramiro Amarelle, considerado un dos mellores xogadores de fútbol praia do mundo, que é natural desta localidade.

Ese mesmo día e nese mesmo lugar, pero un pouco antes, ás 17.00 h, o programa ‘Mar de Ardora’ realizará unha edición especial dedicada á tradición mariñeira de Corme. O seu presentador, Xusto López Carril, falará con tres vellos lobos de mar da zona, un percebeiro, un mariño mercante e un pescador de altura, tres persoas moi veteranas que representan o vivir mariñeiro de Corme no último século.