CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos celebran a semana das Letras Galegas con documentais, entrevistas, música e cinema galego

12/05/2023

O importante arquivo da CRTVG é peza fundamental desta programación arredor da figura de Fernández del Riego, e que fará posible a emisión da voz do autor así como entrevistas con especialistas 

O documental ‘A nosa propia galaxia’, a ‘Gala #DígochoEu’, un especial de ‘Zigzag’, a estrea do filme ‘Malencolía’ e o ‘Concerto das Letras’ son as principais apostas da TVG

Os medios públicos celebran a semana das Letras Galegas con documentais, entrevistas, música e cinema galego

Santiago, 12.05.2023.-  A CRTVG desenvolve desde esta fin de semana unha programación especial arredor da figura de Francisco Fernández del Riego con motivo do Día das Letras Galegas 2023. O arquivo audiovisual da Corporación é fundamental nesta programación, xa que fará posible a emisión da propia voz do escritor e de entrevistas con especialistas na súa obra, en televisión, radio e canles dixitais para afondar na figura do homenaxeado e o seu labor intelectual como personaxe imprescindible do galeguismo, ensaísta, narrador e estudoso da literatura e a cultura galegas.

TVG emite este sábado e domingo, e tamén o 21 de maio, os seis capítulos da webserie da Real Academia Galega ‘Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu’, que se inicia nas terras de Lourenzá, onde naceu, e que abrangue as súas iniciativas políticas e culturais, como viviu a Guerra Civil e a posguerra e o seu papel como dinamizador cultural. Ademais, o domingo 14 de maio, os espectadores poderán ver un especial de ‘Vivir Aquí’ dedicado ás Letras Galegas, con reportaxes sobre un proxecto de intelixencia artificial que aprende a falar en galego e sobre como a TVG difundiu o idioma ao longo da súa historia.

Na noite do luns, dentro das ‘Noites Temáticas’ da G2, emitiranse tres entrevistas a Francisco Fernández del Riego: ‘Galegos de honra’, ‘Pegadas na memoria’ e ‘Entrevistas do Hostal’, tres conversas longas en que el mesmo repasa a súa traxectoria.

O martes 16, véspera das Letras Galegas, estrearase en prime time a película ‘Malencolía’, de Alfonso Zarauza, participada pola TVG e gañadora en 2022 dos premios Mestre Mateo de mellor interpretación de reparto para Iolanda Muíños e Diego Anido.

‘Gala #DígochoEu’, na véspera do Día das Letras

Ademais, na tarde do 16 de maio, a CRTVG celebrará na Cidade da Cultura a ‘Gala #DígochoEu’, en que este espazo divulgador do galego entregará os II Premios DígochoEu. Será un evento con actuacións musicais e a participación de rapazada de colexios de toda Galicia. Nesta segunda edición, os galardóns amplíanse con tres premios na categoría de Educación Primaria, tres en Secundaria, os Premios ‘Unha Canción para Esther’ e un Premio Especial do xurado. A gala emitirase en directo, de 17.00 a 18.30 h, na web crtvg.gal e na canle de YouTube da TVG. O día 17 será emitida pola mañá na Televisión de Galicia, antes do ‘Galicia Noticias’.

Cobertura do día 17 de maio en todas as canles

Os medios públicos farán un completo seguimento informativo dos actos conmemorativos que a RAG e a Xunta de Galicia desenvolverán en Lourenzá (Lugo), a vila natal do autor. Así, na TVG, ao remate do ‘Telexornal Mediodía’, emitirase un ‘Zigzag Especial Letras’ dedicado a Fernández del Riego. O mesmo día programarase o documental ‘A nosa propia Galaxia’, que aborda a celebración desde a ollada dun grupo de rapaces novos que traballan na elaboración dun podcast sobre Fernández del Riego. Na G2, ofrecerase o ‘Concerto das Letras Galegas’, a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo mestre Maximino Zumalave, e coa participación do Coro de Cámara Rías Baixas, que interpretarán algúns dos temas favoritos de Fernández del Riego, con obras de compositores galegos consagrados. 

Entrevistas a diario na Radio Galega

Na Radio Galega, o ‘Galicia por Diante’ do día 17 mudará a súa estrutura habitual e sairá dos estudios para realizar a edición da mañá, xunto co ‘Diario Cultural’, desde a vila de Lourenzá, onde seguirá os actos conmemorativos. A emisora entrevistará alí o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a diversos persoeiros participantes nos actos. Xa pola tarde, emitirase ás 19.00 h o monográfico ‘Letras Galegas 2022. Francisco Fernández del Riego’, realizado polo equipo do ‘Diario Cultural’, en que se debulla a súa vida e obra.

Durante toda a Semana das Letras, o espazo ‘Diario Cultural’ emitirá entrevistas diarias, nas edicións de mañá e tarde, con académicos, familiares de Fernández del Riego, especialistas na súa obra de ensaio e narrativa, así como editores e escritores. Tratarán estas conversas sobre a súa traxectoria, a súa relevancia e o pouso na actualidade do seu labor intelectual. Dentro da páxina web diariocultural.gal haberá un espazo específico sobre as Letras Galegas, unha ferramenta que se pon a disposición da cidadanía pensando moi especialmente no uso educativo destas pezas de radio e televisión. Incluirá, entre outros contidos, entrevistas e os oito podcasts gañadores do Certame ‘Radio na Biblio’, que tamén serán emitidos pola emisora.

A recuperación de material do Arquivo Sonoro fai posible o uso de fragmentos de intervencións orais de Francisco Fernández del Riego en accións divulgativas que se complementarán tamén con cuñas promocionais ao longo da semana. No eido dixital, as webs e redes sociais da Corporación, G24.gal, Radio Galega e de espazos concretos como ‘Diario Cultural’ implicaranse en achegarlle á audiencia a figura de Fernández del Riego, nomeadamente entre a cidadanía máis nova. No eido corporativo, a CRTVG potenciará esta celebración con cortinas divulgativas en todas as canles, no marco das súas #AcciónsG de responsabilidade social.