CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os grupos Desequilibrio Mental, Alto Asalto e Batital, gañadores do concurso "Novo Son" da Radio Galega

11/05/2011

Os galardoados polo Xurado nas categorías de pop-rock, músicas urbanas e músicas do mundo participarán no Festival Derrame Rock, que se celebrará en Ourense a finais de xuño

Neste certame compartirán cartel con bandas como Los Suaves, Ojos de Brujo, Def con Dos, Siniestro Total, Lamatumbá, Molotov e Ruxe Ruxe, entre outras

Curva á Esquerda, Tu Mujer Nos Engaña e La Comandancia foron os máis votados pola

Os grupos Desequilibrio Mental, Alto Asalto e Batital, gañadores do concurso "Novo Son" da Radio Galega

Santiago, 11.05.2011.- O concurso “NOVO SON”, posto en marcha pola Radio Galega para descubrir novos talentos da música do país nos diferentes xéneros musicais, xa ten gañadores. As bandas Desequilibrio Mental, coa canción “Desencontro”; Alto Asalto, con “Cambiar o adobo”; e Batital, con “A muiñeira da lúa chea”, foron galardoados polo xurado do certame nas categorías de pop-rock, músicas urbanas e músicas do mundo respectivamente.

Ademais de gravar unha maqueta nos estudios da Radio Galega, os gañadores de “NOVO SON” participarán no Derrame Rock, un festival que, tras 15 anos celebrándose en Asturias, terá lugar por vez primeira en Galicia, os días 23, 24 e 25 de xuño no recinto feiral Expourense. Na capital das Burgas, os tres grupos premiados compartirán cartel con bandas tan consolidadas como Los Suaves, Ojos de Brujo, Def con Dos, Siniestro Total, Lamatumbá, Molotov, Ruxe Ruxe, Dios Ke Te Crew, M Clan e Muchachito Bombo Infierno, entre outros.

Desequilibrio Mental, Alto Asalto e Batital non foron os únicos grupos galardoados no concurso da RG, xa que nas mesmas categorías antes mencionadas, a audiencia da emisora pública autonómica tivo a oportunidade durante as últimas semanas de elixir os seus favoritos. Así, os máis votados no xénero pop-rock, foron Curva á Esquerda, co tema “Estrela”. Na categoría de músicas urbanas, os gañadores foron Tu Mujer Nos Engaña, que concursaron coa canción “Ese lugar que nós soñamos”; mentres que La Comandancia, con “O Silabario”, fíxose co Premio do Público de músicas do mundo.

Estas formacións distinguidas pola audiencia, que participaron nunha iniciativa creada para a promoción da creatividade musical galega, gozarán dun amplo seguimento e difusión nos programas da RG, ademais de gravar unha maqueta na emisora pública galega.

O concurso “NOVO SON” foi convocado pola Radio Galega o pasado mes de decembro, co obxectivo de descubrir e difundir o talento musical dos grupos e solistas en Galicia e de potenciar o enxeño, a capacidade creativa e a orixinalidade dos músicos galegos. O certame estivo aberto durante estes meses á participación de todos os músicos maiores de 16 anos que contasen cun repertorio propio dun mínimo de 30 minutos.

O chamamento da Radio Galega aos novos talentos da escena musical tivo un grande éxito de participación, xa que, en total, inscribíronse no concurso 57 bandas ou artistas, dos que saíron os 21 finalistas -7 en cada categoría- que foron avaliados polo xurado e tamén de entre os que os oíntes elixiron os seus favoritos.