CRTVG Viva
Os espectadores da TVG tomarán este ano as uvas cos presentadores Arturo Fernández, Noelia Rey e Paco Lodeiro
Tres das caras máis coñecidas da Galega serán os encargados de retransmitir as badaladas de Fin de Ano desde a praza do Obradoiro

Santiago, 23.12.2022.- Os espectadores da Televisión de Galicia despedirán este 2022 moi ben acompañados de tres das súas caras máis coñecidas: os presentadores Arturo Fernández, Noelia Rey e Paco Lodeiro, que retransmitirán as badaladas de Fin de Ano desde a praza do Obradoiro. Con eles conectará minutos antes da medianoite Xosé Ramón Gayoso, o presentador da Gala de Noitevella da Galega.
O coñecido xornalista da TVG Arturo Fernández estará durante este Nadal á fronte de varios programas especiais, como ‘Juan Pardo. O sucesor’, ‘O tren que me leva a ti’ e ‘A invasión da G’, ademais de ser o copresentador da gran Gala de Fin de Ano.
Noelia Rey chega aos fogares galegos cada día, de domingo a mércores, co ‘Malicia Noticias’, que conta a actualidade dun xeito moi diferente. Ademais, este ano foi recoñecida nos Premios Circom Regional 2022 co galardón ao Novo Talento en Pantalla.
E, pola súa parte, Paco Lodeiro presenta un dos programas de máis exito da Televisión de Galicia: o concurso ‘Atrápame se podes’, que durante estes días ofrecerá unha serie de edicións especiais de Nadal, con famosos e rapaces como concursantes.
Con eles, a do 31 de decembro será unha noite en que non faltarán os sorrisos e o bo humor para acompañar a todos os espectadores coas doce uvas da sorte na entrada do novo ano 2023.