CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Oito centros educativos galegos gañan o III Concurso de Podcasts Radio na Biblio, que contou coa participación da RG

11/05/2021

Os traballos sonoros premiados, realizados arredor da figura de Xela Arias, poderán escoitarse na emisora pública a semana das Letras Galegas e tamén se difundirán a través da súa páxina web e da canle dixital do programa ‘Diario Cultural’

O obxectivo do certame é estimular a elaboración por parte dos estudantes de produtos radiofónicos enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego&

Oito centros educativos galegos gañan o III Concurso de Podcasts Radio na Biblio, que contou coa participación da RG

Santiago, 11.05.2021.-    A Radio Galega colaborou novamente este ano no III Concurso de Podcasts Radio na Biblio, cuxa resolución acaba de facer pública a Xunta de Galicia. Un total de oito centros educativos de toda Galicia resultaron gañadores con traballos realizados ao abeiro do programa Radio na Biblio e arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras Galegas de 2021.

Na modalidade de Infantil e primeiro ciclo de Primaria, os premiados son ‘No berce da lingua’, do CEIP Plurilingüe de Outes, e ‘As aventuras do avó Manuel’, do CPI Plurilingüe de Rodeiro. No caso da modalidade para alumnos de 3º a 6º de Primaria, os gañadores son ‘Entrevista á nena Xela Arias’, do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) e ‘Na busca do felino’, do CEIP Mestre Manuel García (Oia).

Na categoría de alumnado de Secundaria, os galardoados son ‘Xela é moita Xela’, do CPI de Cervantes, e ‘Poesía que alimenta’, do IES Monte Carrasco (Cangas). Finalmente, na modalidade para estudantes de ensinanzas de Bacharelato, de persoas adultas ou ciclos formativos, resultan premiados ‘Voces para Xela’, do IES Punta Candieira (Cedeira), e ‘Exóticas’, da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

Para participar neste certame os centros debían presentar traballos sonoros como entrevistas, cuñas publicitarias, noticiarios, faladoiros, debates ou programas monográficos, entre outros formatos, todos eles en lingua galega.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000 € para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago e os podcasts premiados serán emitidos pola emisora pública na Semana das Letras Galegas, entre o 17 e o 21 de maio. Á súa vez, difundiranse a través da súa páxina web e da canle dixital do programa ‘Diario Cultural’ (diariocultural.gal).

O obxectivo do certame é estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución.