CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O trío de Jazz Sumrrá, protagonista este mércores na G2 dun novo concerto do ciclo 'Galicia Emerxe'

25/01/2021

A CRTVG está ofrecendo semanalmente, a través das súas canles, recitais dos máis variados estilos, co obxectivo de apoiar o sector musical e visibilizar o traballo dos artistas galegos, moi afectados polas restricións sanitarias

O trío de Jazz Sumrrá, protagonista este mércores na G2 dun novo concerto do ciclo 'Galicia Emerxe'

Santiago, 25.01.2021.-   Este mércores chega á CRTVG un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’. A partir das 23.30 horas, os espectadores poderán gozar na sección ‘Noites Temáticas’ da G2 do recital do destacado trío de jazz Sumrrá, formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido. O concerto, de 40 minutos de duración, estará dispoñible na web dos medios públicos unha vez finalizada esta emisión, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).
    
Tras Mercedes Peón e High Paw & Elephants Yard, este é o terceiro da serie de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos incluídos no ‘Galicia Emerxe’ e que a CRTVG ofrecerá ao longo deste ano. Gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, nas vindeiras semanas iranse ofrecendo, entre outros, recitais de Xoel López, Boyanka Kostova, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas.

No exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo, a CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’. Esta iniciativa, que ten como obxectivo facer accesible a cultura a toda a cidadanía galega, cobra especial relevancia nas actuais circunstancias derivadas da covid-19, que limitan de xeito importante o normal desenvolvemento das actividades musicais con público en directo, e pretende ser un xeito alternativo de manter viva e en constante renovación a oferta musical.